Charla con “O neno lobo” e teatro con “A Lola”, actividades do Proxecto Erasmus Mémoire (s) no IES de Tomiño A representación teatral será o día 14 na Casa da Cultura de Tomiño, e terá como público maioritario ao propio alumnado

A memoria social e persoal  no IES Antón Alonso Ríos

Este luns 14, dentro das actividades do Proxecto Erasmus Mémoire (s) sobre o patrimonio cultural e a memoria histórica  dos seis países europeos que conforman este Proxecto e no que participa, por terceiro ano consecutivo, o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño,  a compañia  Avealiña Teatro representará  a obra “A Lola”. A Lola simboliza a todas aquelas mulleres que sobreviviron aos seus seres queridos tras o golpe militar do 36. A trama céntrase na influencia que o golpe franquista tivo na conduta de varias xeracións, confrontando dúas formas de entender a sociedade, os valores da tradición patriarcal, fronte ao proxecto de progreso e liberdade.

A representación levarase a cabo na Casa da Cultura de Tomiño, a partir das 16:30h, e terá como público maioritario ao alumnado do instituto.

Outra actividade do Proxecto Erasmus Mémoire(s), para este mesmo luns,  será a charla-coloquio  que, sobre a súa experiencia vital,  dirixirá  Marcos Rodríguez Pantoja, o coñecido como “o neno lobo”. Marcos é un dos poucos casos documentados de nenos salvaxes españois, ao ser criado entre lobos dos seis aos dezasete anos. Esta charla terá lugar no renovado Salón de Actos do propio Instituto Antón Alonso Ríos