14 Xul 2014 200 rapaces e rapazas comezan hoxe a súa aventura no IV Campus de Fútbol de Verán Concello de Tomiño

 

A cuarta edición estenderase dende hoxe ata o día 26 de xullo en horario de 10.00 a 13.30 horas, nos campos de fútbol da Carballa e do Regatiño

A Concellaría De Deportes do Concello de Tomiño, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, vén de inaugurar o IV Campus de Fútbol de Verán 2014 Concello de Tomiño, que se celebrará dende hoxe ata o 26 de xullo, nos campos municipais de fútbol de A Carballa (Tomiño) e O Regatiño, de Goián.
A actividade, na que se cubriron, como en anos anteriores, as 200 prazas dispoñibles, está dirixida a nenos e nenas de 4 a 16 anos e é impartida en horario matinal (10.00 a 13.30 horas), de luns a venres.
Os participantes reciben clases teórico-prácticas e xogan partidos durante as dúas semanas que dura o campus. Ademais, coma novidade, este ano hai unha parte formativa, con charlas e Máster Class de recoñecidos futbolistas, e outra de diversión, con animación infantil.

Cartel Campus Fútbol Tomiño 2014 Concello Tomiño Campus 2014 Carballa 2_

O prezo, de 55 euros para nenos/as de Tomiño, e de 65 para os doutros concellos, inclúe dúas equipacións, bocadillos e bebida a diario. O Concello aplicou redución de prezos para familias con máis dun participante ou con escasos recursos.

Máis actividades
A Concellaría de Deportes do Concello de Tomiño, ademais do Campus de Fútbol, organiza coma novidade, durante os meses de xullo e agosto, campus de baloncesto, tenis e padel, xadrez, piragüismo e augas bravas.

Asemade, haberá cursos de Ioga e Tai-chi na Fortaleza de Goián, danza e aerobic, rutas turístico-ambientais de descenso en piragua e un campamento urbano (este último comezou o día 7 de xullo e estenderase ata o 7 de agosto). Como en anos anteriores, os participantes realizan, da man de monitores de tempo libre e voluntarios do Concello, diferentes actividades coma debuxo, pintura, xogos populares, manualidades, dinámicas de grupo, etc. O campamento ten lugar no Campo da Feira en horario de 9.00 a 14.00 horas.

A ampliación da oferta deportiva e lúdica responde, segundo explica a concelleira de Cultura e Deportes, Cristina Martínez, ao ánimo de ofrecer á veciñanza un ocio de calidade, ofertas deportivas diferenciadas para fomentar o deporte de base, e ao mesmo tempo, axudar ás nais e pais que traballan a conciliar a vida laboral e familiar.

[justified_image_grid]



X