A área de Benestar Social apoia a máis de 420 familias, co fin de promover a integración social e a calidade educativa A maioría das familias usuarias son beneficiarias do programa de educación familiar, pero tamén as hai, dos Servizos Sociais ou de actividades extraescolares, de estimulación; material escolar, comedor, etc.

Un total de 259 familias con 312 menores a cargo, beneficiáronse do programa de Educación Familiar da área de Benestar Social do Concello de Tomiño, durante o ano 2017.

Outras 136 unidades familiares con menores a cargo foron usuarias dos Servizos Sociais Municipais e 30 percibiron algunha axuda económica de emerxencia.

No primeiro caso, o obxectivo foi promover a adquisición de competencia para o correcto desenvolvemento das funcións parentais e educativas, fomentando valores coma a igualdade de xénero ou a corresponsabilidade. En moitos casos, púxose ao alcance destas familias, atención psicolóxica, alternativas e itinerarios socio educativos para favorecer a súa integración social e previr situacións de vulnerabilidade ou risco de exclusión.

Pola súa banda, as familias usuarias dos Servizos Sociais Municipais, foron atendidas para información, orientación ou asesoramento coa finalidade de facilitarlles o acceso a distintos recursos; xestión de prestacións económicas coma a Tarxeta Benvida ou o Título de Familia Numerosa, ou outras destinadas  a garantir a autonomía persoal ou a atención á dependencia e á discapacidade.

Finalmente, , arredor de 30 familias con menores a cargo, percibiron axudas de emerxencia municipal destinadas á cobertura de necesidades básicas (alimentos, roupa, etc.); equipamento mobiliario básico (lavadoras, radiadores, etc.); axudas vencelladas ao uso da vivenda (débedas pendentes de pago de enerxía eléctrica, auga, etc.), e para conseguir atención sanitaria non cuberta polo sistema público de saúde (adquisición de lentes, etc.).

A concelleira responsable da área, Cristina Martínez, explica que o primeiro é facer un diagnóstico social da comunidade, cun análise de necesidades e demandas, así coma un plan de intervención en caso de colectivos ou persoas socialmente vulnerables; detección precoz de situacións de risco ou desprotección, para logo poder desenvolver actuacións de carácter preventivo ou de promoción e integración social.

Paralelamente, a acción do Departamento de Benestar Social, organizou unha serie de accións gratuítas; conferencias, obradoiros, etc. dirixidas á poboación en xeral, relacionadas coa crianza, a educación en igualdade, actividades extraescolares, de estimulación; axudas para material escolar, comedor, campamentos e un longo etcétera, das que se beneficiou igualmente un importante número de persoas.