A Asociación de persoas con discapacidade “Vontade” merca un transporte adaptado para axudar ás familias necesitadas

A compra do vehículo, de segunda man, foi posible despois de lograr vender 10.000 rifas de Nadal con este fin

A Asociación de persoas con discapacidade “Vontade”, fixo entrega onte dunha cesta de Nadal moi especial. Valorada en máis de 1000 euros, a cesta era o premio da campaña levada a cabo coa venta de 10.000 rifas, co fin de recadar o diñeiro necesario para mercar un vehículo que se poida prestar, por quendas, ás diferentes familias afectadas pola mobilidade reducida de algún dos seus membros, de maneira que estas teñan unha independencia de movemento para facer trámites, ir ao médico, á compra, pasear, etc.

Jose Manuel Pereira Pereira (Nel) será o primeiro beneficiario do vehículo adaptado, cuxa adquisición fíxose efectiva tras a finalización das vendas das rifas.

A ganadora da cesta foi Mercedes Domínguez Rodriguez (Chela), e o propio Nel foi quen fixo a entrega do premio, que inclúe, ademais dos produtos típicos de Nadal, un fin de semana nun apartamento rural de Ribadeo.

A Asociación para persoas con discapacidade “Vontade”, puxo en marcha hai uns meses, coa colaboración do Concello de Tomiño, o proxecto denominado “AUTO NOMÍA”, co obxectivo de fomentar a independencia e a integración social das persoas con problemas de mobilidade. Concretamente, trátase de prestar un transporte adaptado a familias que carecen de recursos para comprar un vehículo destas características.

Por outra banda, o proxecto contempla actividades de concienciación sobre a ELA (Esclerose lateral amiotrófica), doenza neurolóxica crónica e dexenerativa, que vai diminuíndo a mobilidade, provocando debilidade e atrofia muscular nas persoas que a padecen (varias na asociación). Están programadas, polo mesmo, charlas e outras accións de sensibilización sobre a necesidade de ampliar a investigación sobre esta doenza, sen cura até agora.

A asociación Vontade, con sede en Tomiño, ten na actualidade perto de 200 socios con algunha discapacidade física ou mental (do Baixo Miño e concellos limítrofes).

So en Tomiño hai unhas 1000 persoas con discapacidade; na Comarca do Baixo Miño máis de 6.000, e un 10% delas, padecen algunha doenza que os discapacita.