09 Mai 2017 A asociación Fibromiño atenderá un día á semana no Centro Vontade de Tomiño, e mañá mércores colocará unha mesa informativa nos soportais do mercado

A entidade, sen ánimo de lucro, informará mañá mércores, 10 de maio, de 10.00 a 14.00 horas, a posibles enfermos e público en xeral, aproveitando a celebración do mercadiño semanal que se celebra nas rúas céntricas

 

A partir do día 1 de xuño, a Asociación de Enfermos de Fibromialgia do Baixo Miño Fibromiño, con sede na Guarda, comezará a atender todos os mércores, de 10.30 a 12.30 horas, nun local cedido polo Centro Vontade (Barrio A Rocha).

 

Por outra banda, con motivo do Día Internacional da Fibromialgia, mañá mércores, 10 de maio, de 10 a 14 horas, a Asociación de Enfermos de Fibromialgia do Baixo Miño, montará unha mesa informativa nos soportais do Mercado Municipal de Tomiño, aproveitando a celebración do mercadiño semanal, a posibles usuarios e público en xeral.

O obxectivo principal será dar a coñecer a enfermidade e sensibilizar á poboación, incluída ás propias familias, da situación tan delicada pola que pasan a diario.

 

Coa colaboración do Concello de Tomiño, repartirán 500 folletos, coa colaboración de panadeiros e pasteleiros desta vila, farán unha degustación gratuíta de doces.

Asemade, venderán uns pins feitos pola asociación, co fin de recadar fondos. Aproveitarán para presentar o novo logo da asociación, que estrean con motivo do Día Internacional da Fibromialgia. O seu lema será: “Con mil bágoas por dentro e mil sorrisos por fóra ”

Cristina Vaquero, secretaria da asociación, agradece en nome dos seus compañeiros e compañeiras, a colaboración recibida por parte do Concello e de varios empresarios tomiñeses.

 

Viaxe ás termas

Entre as actividades organizadas pola asociación, hai unha viaxe ás termas de Prexigueiro (Ribadavia. Ourense) o día 23 de maio, que terá un custe de 10 euros para socios e de 22 para non socios. A viaxe, que comezará na Guarda, con paradas en O Rosal (Praza do Calvario), Tomiño (parada de autobuses próxima á Praza do Seixo, na rúa República Arxentina) e Tui (á altura do Supermercado Día), inclúe desprazamento, entrada ás termas e comida, ademais dunha visita vespertina ao centro histórico de Ribadavia. Para anotarse, as persoas interesadas en facer esta visita, poden chamar ao número 606 61 26 45, ou enviar un correo electrónico a fibrominho@gmail.com

 

 



X