A asociación Vontade elabora un Plan Estratéxico para poder dar servicio a persoas con discapacidade da comarca e outros concellos limítrofes Coa adquisición de dous novos vehículos adaptados, a asociación aumentará os seus servizos de transporte para que ningunha persoa usuaria permaneza en ruta máis de 55 minutos. A asociación conta co apoio do Concello e dunha entidade bancaria

O sábado 24 de marzo a Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade celebrou a súa XVI Asemblea Xeral Ordinaria no CRD Vontade. Nesta asemblea acordouse a elaboración do Plan Estratéxico 2018-2021, para dar servizos as persoas con discapacidade da Comarca do Baixo Miño e concellos limítrofes.

O obxectivo principal deste novo Plan Estratéxico é dar cobertura e cubrir as necesidades das persoas con discapacidade que, aínda que non precisan de atención terapéutica diúrna nun Centro de día, non teñen as súas necesidades básicas cubertas.

Á Asemblea e presentación do novo Servizo de Transporte Adaptado, asistiron en representación do Concello de Tomiño, Cristina Martínez e Ismael Troncoso, concelleiros de Cultura e Servizos Sociais e Deportes, respectivamente, así coma dous representantes da Obra Social La Caixa. Cristina Martínez informou que ca adquisición destes dous vehículos, a Asociación aumentará os seus servizos de transporte para que ningunha persoa usuaria permaneza en ruta máis de 55 minutos.

No ano 2017 a Asociación adquiriu dous vehículos adaptados grazas ao financiamento da Fundación ONCE, do Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Segundo os datos facilitados pola Conselleira de Inclusión, na Comarca do Baixo e Concellos limítrofes, no ano 2017 hai censadas 14.542 persoas con discapacidade física. Moitas destas persoas, aínda que non se consideren persoas con grande discapacidade, atópanse nunha situación de vulnerabilidade, están coma nun baleiro onde non pertencen a ningures, non son persoas con necesidade de Centro de Día, pero si presentan dificultades que se non son tidas en conta, impídelles acadar unha verdadeira inclusión na sociedade. Esta situación agrávase no Rural, onde a falta de recursos comunitarios e un transporte público  precario, leva consigo o illamento das persoas con discapacidade e a sobrecarga das súas familias.

Na actualidade, a Asociación atópase na fase de diagnóstico e estudo de necesidades, mantendo reunións con servicios socias de base e grupos de interese, co fin de coñecer de primeira man as necesidades que teñen sen cubrir as persoas con discapacidade da Comarca e zonas limítrofes, para así abrir novas liñas de actuación que lle permitan traballar tanto cas persoas con discapacidade, coma ca sociedade en xeral, co propósito de acadar a plena inclusión das persoas con discapacidade.

A Asociación Vontade abriu no ano 2012 o único Centro de Recursos para persoas con discapacidade física da Comarca do Baixo Miño. Neste Centro de Recursos atópase o Centro de Día para Persoas con Discapacidade Física, centrando a atención e servizos ofertados dende a Asociación a persoas con grande dependencia.