A aula CeMIT de Tomiño pechou o ano con 67 novos usuarios e 370 horas de formación impartidas No 2017 máis de cen persoas participaron nos cursos e actividades de alfabetización dixital e emprendemento realizadas no centro

A aula CeMIT do concello de Tomiño pechou o ano cun excelente balance de datos: durante o 2017 déronse de alta neste centro 67 novos usuarios e usuarias, cifra que eleva ata 1.047 o número de persoas rexistradas dende a apertura da aula no ano 2011.

Dende os seus inicios, a aula CeMIT acolleu máis de 200 actividades formativas entre cursos, charlas e outras actividades, 23 delas durante todo este ano, o que supoñen máis de 370 horas de formación aproveitadas por preto de 100 persoas durante todo o 2017. Para o responsable do Promoción Económica municipal, Antonio Tartaglione, “dende o Concello de Tomiño, xunto coa administración autonómica, seguimos a apostar pola aula CeMIT. Despois dos resultados do ano 2017, queremos seguir formando aos tomiñeses e tomiñesas no uso e familiarización das novas tecnoloxías”.

Por este motivo, a aula xa ten planificada a súa oferta formativa para o vindeiro ano, que nesta ocasión incluirá desde diversos cursos de capacitación dixital básica, como o de ‘Iniciación a informática e internet’ ou ‘Manexo de móbiles’, ata algúns máis avanzados como poden ser o de ‘Uso da administración electrónica’, ‘Procura de emprego a través de internet’ ou ‘Retoque fotográfico’, entre outros.

Durante o 2018 a aula tamén acollerá o exame para a certificación de competencias dixitais en ofimática. Ao longo de todo o ano a aula CeMIT de Tomiño abrirá as súas portas de luns a venres de 09.15 a 14.15 horas, con apertura polas tardes os martes e xoves (de 19.00 a 20.30 horas). Aqueles veciños e veciñas interesados en recibir información poden pasar pola aula, situada no Campo da Feira, chamar ao 986623304 ou enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal.

Instalacións

A aula CeMIT dispón dun espazo principal con 11 ordenadores, impresora multifunción, 10 cámaras web, canón, cámara dixital, 10 auriculares con micrófono… aos que os usuarios e usuarias poden acceder de forma libre e gratuíta. Ademais, contan co apoio e asesoramento dun axente especializado que os guía e axuda no funcionamento da aula e das instalacións.

A Rede CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia para impulsar as TIC e a Sociedade da Información na comunidade galega. A rede caracterízase por impartir actividades formativas no eido da alfabetización dixital e do emprendemento e conta coa colaboración de 92 concellos, entre eles o de Tomiño.