A Aula-Museo Antonio Fernández pode visitarse durante todos os venres e sábados de xullo e agosto

antoniofernadez_aula_museoaula-a.-fdez.-verán-2016 (Copy)O espazo amosa as diferentes facetas da vida do pintor, expoñendo documentos e obxectos persoais dos que o artista nunca se desprendeu

A Aula-Museo Antonio Fernández, situada na parroquia de Goián, permanece aberta para a súa visita durante os meses de xullo e agosto, os días venres (de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas) e sábados pola mañá.

A instalación alberga en distintas salas, no edificio da antiga escola, obxectos e documentos relativos á vida e profesión do pintor e filántropo goianés, varios deles doados por veciños e amigos da familia.

A aula-museo foi creada polo Concello de Tomiño en xullo de 2014 a proposta da Comisión Antonio Fernández.

O espazo amosa as diferentes facetas da vida do pintor, expoñendo documentos e obxectos persoais dos que Antonio Fernández nunca se desprendeu e que se poden mostrar grazas á cesión que fixeron algunhas persoas de Goián, entre elas Manuel Villa Troncoso, Leandro Alonso Rodríguez e a familia de Xavier Pousa.

O percorrido expositivo da aula céntrase nas súas facetas persoal, periodística, arqueolóxica, artística, fotográfica e filantrópica, que permiten afondar un pouco máis na vida e personalidade do artista. Unha vida que, ao igual ca súa obra, foi minuciosa, ordenada, paciente, humilde, sincera e honrada.

No ano 1950 Antonio Fernández formalizou co Concello o seu desexo de doar o solar da súa casa natal para a construción do grupo escolar, hoxe coñecidas como escolas vellas. O edificio, construído en 1950, mantén practicamente intacto o seu deseño e estrutura orixinal e foi unha aula do CEIP Antonio Fernández. O Concello de Tomiño decidiu que era o mellor lugar para crear alí a aula-museo do pintor.



X