A axenda cultural de outono, arranca este domingo co ciclo de teatro e a obra “Roedores”, para todo público O mercado municipal acolle a partir do luns, a exposición “Os obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá”

A axenda cultural de outono arranca este domingo, co ciclo de teatro que ofrece durante os meses de outubro e novembro.

“Roedores” é o nome da peza teatral, para todo público, que  porá en escena este domingo, 7 de outubro, ás 18.00h, a compañía “Redrum Teatro” , no Auditorio de Goián; un espectáculo que fomenta a igualdade de xénero, a través do teatro.

A historia conta a historia de “Peludiño”, un hámster que escapou da gaiola para vivir aventuras na cidade. Acompáñao “Munda”, unha rata soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo algo que comer. Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que pensaban, e que son as diferenzas, precisamente, as que os fan especiais e únicos.

As entradas poranse á venda unha hora antes da función en taquilla, ao prezo de 3€ para persoas adultas e de balde para nenos e nenas.

Exposición

Por outra banda, o mercado municipal acolle a partir do luns, a exposición “Os obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá”. Trátase dunha mostra do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co Concello de Tomiño, que reúne 17 viñetas de 15 debuxantes de Galicia e da África lusófona. O obxectivo é fomentar unha reflexión sobre temas como a loita contra a fame, o acceso á saúde e á educación, a igualdade de xénero ou a protección do planeta.