A Axenda Estratéxica Cerveira-Tomiño dai un paso máis co “orzamento participativo transfronteirizo” e “deporte para todos”

Outra das medidas que está aínda a ser analizada é a creación da figura do Provedor de Cidadanía Transfronteiriza, exercendo funcións de interlocutor entre as poboacións e os propios gobernos autónomos

O Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Amizade Cerveira-Tomiño, reunido a semana pasada en Vila Nova de Cerveira e constituído polos alcaldes, Fernando Nogueira e Sandra González, e respetivo secretariado técnico de ambos os concellos, vén de aprobar, con aplicación en 2017, a realización do primeiro Orzamento Participativo Transfronteirizo e a dinamización do proxecto interxeracional “Deporte para Todos”.

Está dado un paso máis na consolidación da cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño. O Comité de Xestión Estratéxica (CGE, trazou un conxunto de medidas concretas que, alén de afondar as relacións institucionais, busca envolver os cidadáns dos dous concellos veciños na formulación de solucións para necesidades comúns.

Baseado no concepto da “desfronteirización”, en 2017 vai avanzar o proxecto-piloto do Orzamento Participativo Transfronteirizo Cerveira-Tomiño, cun importe global de 20 mil euros, repartido a partes iguais entre os dous municipios, nas áreas de intervención Cultura/Xuventude, Educación e Acción Social.

Neste encontro, o Comité de Xestión Estratéxica tamén deu luz verde ao proxecto “Deporte para Todos” que propón unha oferta de actividade deportiva saudábel, controlada e adaptada ás poboacións de Cerveira e Tomiño con máis de 55 anos de idade.

Será aplicado un plan de adestramento que busca o benestar psicolóxico e físico, a evolución e mantemento da motricidade, e a convivencia e o intercambio cultural entre as dúas comunidades veciñas.

Outra das medidas que está aínda a ser analizada é a creación da figura do Provedor de Cidadanía Transfronteiriza, exercendo funcións de interlocutor entre as poboacións e os propios gobernos autónomos. Neste momento, os responsábeis definiron o perfil ideal, quedando por determinar a metodoloxía de selección e divulgación nas próximas reunións.

É de subliñar que, desde a súa constitución formal en 2014, a cooperación transfronteiriza Cerveira-Tomiño, está a desenvolver un traballo dinámico entre entidades e poboacións, procurando coñecer e recoller suxestións, para a concreción da Axenda Estratéxica.

Así, na actualidade, están a reunirse tres grupos de traballo temáticos Cultura/Xuventude, Educación e Acción Social.

Asemade, a celebración dunha programación cultural conxunta de oito eventos tamén está a ser levada adiante; así coma a presentación do Parque Transfronteirizo Cerveira Tomiño Travesía Peonil, que unirá ambas beiras nun futuro próximo.

O Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Amizade Cerveira-Tomiño reúnese novamente a finais de xullo, en Tomiño, para dar seguimento a máis accións comúns.