A Carreira Popular de Amorín celebra a súa septima edición apostando pola integración.

O Concello de Tomiño e a Asociación de Veciños de Amorín veñen de presentar esta mañán a séptima edición da Carreira Popular de Amorín (Gotas para Níxer) que se celebrará este domingo 31 de maio na parroquia de Amorín.
Un ano máis, o Concello de Tomiño e a Asociación de Veciños apostan pola integración e abandeira unha causa solidaria con Unicef. Os horizontes do equipo organizador da Carreira seguen apostando pola integración social de persoas con discapacidade e un ano máis usuarios dos colectivos de Avelaíña, San Xerome Emiliani, Vontede e ACEESA participarán neste evento que congregan anos tras anos a deportistas e aficionados.
A Carreira Popular de Amorín é unha proba que naceu hai xa sete anos da man do Clube de Atletismo de Porriño que ano tras ano segue participando cos seus deportistas. A proba foise enriquecendo grazas as aportacións dos colectivos que se foron sumando na súa organización. Deste xeito, o domingo teremos probas de atletismo con todas as categorías, dende Pitufos até Veteranos, pero tamén teremos un partido de baloncesto entre usuarios de San Xerome Emiliani e ACEESA, andainas pola ribeira do Río Furnia e incluso un Paseo polo río Miño con accesibilidade para cadeiras de rodas.
Un ano máis, os premios serán entregados por usuarios dos centros participantes.
Tamén é unha carreira solidaria xa que os fondos recaudados da inscripción irán destinados ao programa de Unicef de creación de pozos para Níxer.
A solidariedade con Níxer non é nova, o Concello de Tomiño leva anos colaborando con Unicef e un ano máis colaborará doando os fondos para esta causa pola que o ano pasado correron 5.000 persoas en toda Galicia. Marisé Torres, representante de Unicef, informou que os fondos do pasado ano foron destinados a compra de complementos vitamínicos e a inversión en medidas para paliar o paludismo.
Níxer é un dos países máis deprimidos do continente africano, situación agudizada pola crónica sequía que conduce a unha das máis altas taxas de mortalidade infantil. Marisé avanzaba esta mañán que máis de 120.000 nenos e nenas morren ano tras ano pola falta de auga potable. O obxectivo deste ano será a construcción de pozos para 30 escolas.
Marisé Torres destacou “a atención que este Concello e que a Asociación de Veciños prestan a diversidade de todo tipo. É un claro exemplo dun modelo de poboación solidario que aplica unha forma diferentes de ver a poboación”.
Dende San Xerome Emiliani, afondaron na diversidade do seu clube de deporte que a través desta práctica levan dende ano 1992 traballando pola integración. Nesta edición da Carreira de Amorín, os usuarios do centro xogarán un partido de baloncesto con ACEESA.
Xose María Regueiro, representante da Asociación de Veciños de Amorín destacou “a participación de todos os veciños e veciñas de Amorín que de xeito voluntario traballan arreo pola bo funcionamento da proba.”
A Alcaldesa, Sandra González, valorou moi positivamente o “esforzo continúo e o traballo conxunto que organizan tanto a Asociación de Veciños de Amorín como as entdidades colaboradoras. A súa boa xestión a longo prazo ten como resultado unha carreira asentada e cunha proxección de calado. As causas que acompañan a proba sen dúbida, ennobrecen se cabe aínda máis o traballo e todas as persoas que adican tempo e esforzo a un acto solidario e integrador”.