A Carreira Popular de Atletismo de Amorín integra na súa sexta edición a persoas con discapacidade

Cartel Carrera Amorín 2014_724x1024

A recadación da proba, que foi presentada onte no Concello de Tomiño, destinarase integramente á campaña “Gotas para Níxer” de Unicef

A VI Carreira Popular de Amorín, organizada pola Asociación de Veciños de Amorín, Club de Atletismo Porriño e Concello de Tomiño, terá lugar o vindeiro domingo, 15 de xuño, ás 11 horas.

A presentación da proba, celebrada onte ao mediodía na Casa do Concello, contou coa presenza dos concelleiros de Deportes e Benestar Social de Tomiño, Cristina Martínez e Suso Montero, respectivamente; María José García e Marisé Pérez, de Unicef Vigo e Zona Sur, e José Fonterosa, da Asociación de Veciños de Amorín. Asemade, estiveron representantes dalgunhas das entidades colaboradoras (Miguel Pazo, presidente de Vontade; Rafael Álvarez, xerente de Avelaíña, e Enrique Carro, de Racing Chapela).

Esta sexta edición, terá varias novidades de interese, ademais das probas habituais, coma é a participación de equipos de baloncesto de asociacións que atenden a persoas con discapacidade.

Pero a novidade, máis importante, máis normalizada, desta edición é a participación na organización do evento de persoas con discapacidade (dos centros Vontade, Avelaíña, San Xerome, Rácing Chapela, etc.) en accións, case sempre vetadas para eles/as, tales coma a entrega de trofeos e medallas; avituallamento, control na liña de meta, etc.

A proba desenvolverase, coma os anos anteriores, por circuítos que discorren, case na súa totalidade, por barrios desta parroquia, e comprenderá dende a categoría “Pitufos/as” ata a Absoluta e de Veteranos (estas últimas con participación de persoas con distintos tipos e graos de discapacidade).

A sexta edición desta carreira solidaria, benéfica e popular discorrerá polas beiras do río Furnia e as achegas económicas dos participantes irán integramente á campaña “GOTAS PARA NIXER” de UNICEF.

Os organizadores informaron que esperan chegar aos 400 participantes, como o ano anterior, e salientaron a colaboración desinteresada de máis de 60 veciños e veciñas de Amorín na organización da proba. Asemade, comentaron que foi preciso construír, coa axuda da comunidade de montes da parroquia, unha rampla adaptada para que poidan acceder ao palco as persoas con discapacidade.

As representantes de Unicef, pola súa banda, resaltaron a importancia do programa Gotas para Níxer, indicando que con cada cinco euros dos que se recaden na carreira, poden mercarse 960 pastillas potabilizadoras, dando cada pastilla para descontaminar 5 litros de auga. Asemade, comentaron que no 2013 conseguiuse enviar auga potable a 83 escolas nixerianas, reducíndose a mortalidade (dende o comezo do programa) en máis dun 60%.

A concelleira de Deportes, Cristina Martínez, pechou a presentación, lembrando o apoio incondicional a esta carreira solidaria, na que o Concello vén colaborando dende hai 3 anos.