A concello de Tomiño da o seu máis sentido pésame polo pasamento do pintor Mario Rodríguez O artista tomiñés, que falecía este luns, fixo importantes achegas á cultura e memoria histórica de Galicia

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e todo o goberno local quere trasladar o seu más sentido pésame a familiares e amigos do pintor tomiñés Mario Rodríguez, personaxe senlleiro do municipio que falecía este luns. O artista, nado en Figueiró hai 86 anos, foi homenaxeado nas últimas Festas do Alivio do concello en recoñecemento ás súas achegas á cultura e memoria histórica de Galicia.

Para a rexidora o pintor era “un exemplo” a seguir e o seu falecemento do pintor deixará un importante baleiro na vida cotiá tomiñes. “Quedámonos co teu compromiso, co teu republicanismo, coa memoria que teimudo pelexabas para que se mantivera viva, coas historias de Bos Aires, de Londres, de Paquiño e Isaura…”, salienta González.

O pintor naceu en Figueiró o 24 marzo 1931, no seo dunha familia republicana, que tras o golpe militar de 1936 sufríu de xeito directo a cruel represión do réxime franquista. O seu pai, Francisco Rodríguez Otero, de profesión practicante e figura política do movemento agrarista, foi fusilado nos comezos da guerra civil. A súa nai, Isaura Gómez Pérez, padeceu a represión polo seu compromiso coa causa republicana como escritora e como viúva de fusilado. Foi exiliado en Bos Aires, e acollido pola intelectualidade galega. Tamén estivo varios anos en Londres e foi recoñecido pola súa arte en distintos países.



X