A cooperación transfronteiriza Tomiño-Cerveira recibe o primeiro financiamento comunitario

Os alcaldes de ambos os municipios salientan a importancia de carácter simbólico que ten este primeiro recoñecemento a nivel europeo

A cooperación transfronteiriza entre as localidades de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, vén de recibir a primeira subvención de fondos europeos para levar a cabo o proxecto “Ponte da Amizade = Europa sen Fronteiras”, no ámbito do programa comunitario “Europe for citizens”.

O financiamento (de 20.000 euros) para apoiar a realización das actividades previstas entre as dúas comunidades, en setembro de 2015, foi o único concedido para proxectos deste tipo, na segunda convocatoria de 2014.

Esta primeira aprobación, máis alá do seu importe, reviste un gran simbolismo, por revelar o impacto que este protocolo de amizade e cooperación, asinado entre as dúas vilas o 11 de xuño pasado, está a ter nas poboacións limítrofes e nas entidades europeas representativas da cooperación transfronteiriza.

Os alcaldes de ambas as vilas, Sandra González (Tomiño) e Fernando Nogueira (Cerveira), cren que as actividades realizadas e o vasto historial de cooperación común, co apoio técnico da Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Galiza-Norte de Portugal, contribuíron para o desenlace positivo desta primeira candidatura, abrindo portas para a presentación doutros proxectos conxuntos.

De momento, os dous Concellos están a promover o debate da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2014-2020, a través da organización de catro Focus Group, reunindo poboación e axentes locais e entidades rexionais do Norte de Portugal e de Galicia, para preparación de diagnósticos que terán coma resultado, a presentación dun plan de acción, con proxectos que serán presentados a candidaturas de fondos comunitarios, e especialmente ao Programa de Cooperación Interreg V – España-Portugal (POCTEP), 2014-2020.