28 Nov 2016 A Corporación Municipal de Tomiño solicita á Deputación e á Xunta a construción dunha variante ao núcleo urbano do Seixo

A proposta da alcaldía foi respaldada polos grupos de BNG, PP e CdT

 

O Concello de Tomiño celebrou o pasado sábado, 26 de novembro, unha sesión plenaria extraordinaria, na que se validou a proposta política de solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación, que leven a cabo un proxecto estratéxico para o futuro do municipio: a construción dunha variante ao núcleo do Seixo. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor do BNG, PP e CdT e coa abstención do PSOE.

 

A proposta xurdiu dunha demanda que o goberno  municipal lle fixo á Deputación en setembro de 2015, para solucionar os problemas de tráfico e paso de vehiculos polo núcleo urbano. A Deputación de Pontevedra redactou un estudo para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo. Este estudo previo definiu como solución máis acaída a prolongación da EP-3102 a modo de variante ao Seixo, coa finalidade de conseguir unha conexión viaria eficaz entre a estrada provincial EP-3102 Tomiño–Sabarís e a estrada autonómica PO-344,  xa que na actualidade a  confluencia destas estradas ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo, soporta un volume de tránsito de vehículos que afecta o normal desenvolvemento da vida diaria e o desfrute do espazo público.

 

Ademais, o desenvolvemento de Tomiño nos últimos anos ten provocado un aumento poboacional importante (arredor dun 30% en 15 anos) e a creación  dunha serie de equipamentos públicos (instituto de ensino secundario, campo de fútbol, pavillón polideportivo, centro de saúde, centro de día, centro de persoas con discapacidade, etc.) co conseguinte incremento do paso de vehículos polo centro urbano.

 

Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “esta actuación será estratéxica para o futuro desenvolvemento de Tomiño e posibilitará un crecemento mais ordenado, así como seguir transformando Tomiño e facendo do noso concello un lugar que cambia para favorecer a mobilidade e desfrute do espazo público”.

 

Este proxecto foi presentado en xullo deste ano á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, así como unha proposta de colaboración para o financiamento e execución deste investimento entre as tres administracións.

 

Despois da votación plenaria e do respaldo maioritario a esta reivindicación da corporación municipal de Tomiño, a alcaldesasalientou “o sentido de responsabilidade dos grupos políticos do PP e CdT” e agradeceu que “se antepoñan os intereses públicos para así entre todos facer ver á Deputación e Xunta da necesidade deste proxecto para o futuro de Tomiño”.

 



X