A Deputación aproba actuacións no patrimonio histórico e cultural do Baixo Miño En Tomiño a axuda, de 16.474,15 euros, investirase en accións de inventario, catalogación de documentación da arquitectura indiana e sinalización

Esta liña de axudas contempla a restauración de bens inmobles de titularidade municipal, conxuntos urbanos e contornas naturais; a adquisición de bens integrantes do patrimonio histórico; e a instalación de paneis informativos neste tipo de bens
A Xunta do Goberno vén de aprobar na súa última sesión a resolución de axudas para actuacións no patrimonio histórico e cultural. Esta liña foi convocada cun orzamento de 500.000 euros e o número total de concellos beneficiarios ascende a 45. Hai que lembrar que o obxectivo xeral destas subvencións é o de promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
As bases contemplaban actuacións que incluísen propostas de obras de conservación, restauración e sinalización. Así, como obras de conservación estipulábanse as que tivesen como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, fosen reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que derivasen de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico. Tamén contemplaba como subvencionables as obras de sinalización dos bens inmobles, e os estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde incluía ademais os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización, coa recollida da información precisa e veraz dos mesmos.
En canto á distribución das axudas, do total de 500.000 euros, un importe fixo de 250.000 euros repartiuse de forma lineal entre os concellos da provincia que presentaron solicitudes. Os outros 250.000 euros foron repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinouse ao grupo de concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinouse ao grupo de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40% destinouse ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes. A porcentaxe económica correspondente a concellos incluídos nestes grupos pero que non presentaron solicitude, foi redistribuída e engadida ás cantidades iniciais.
No Baixo Miño aprobáronse axudas por un importe de 33.738,53 euros para os concellos de A Guarda, Oia, e Tomiño. Na comarca de Pontevedra o importe dos proxectos aprobados suma 60.404,4 euros.
Tomiño
Inventario, catalogación  documentación da arquitectura indiana de Tomiño e sinalización 16.474,15€
A Guarda
Mellora do Camiño e do Lavadeiro do Aloque 11.960,10€
Oia
Restauración de Lavadeiro en Lavandeira 5.304,28€