A Deputación colaborará co Concello de Tomiño no deseño da súa futura biblioteca.

REUNION TOMIÑO IIO Concello de Tomiño busca un novo concepto de biblioteca, que teña en conta as novas tecnoloxías e que entronque cun sector mozo en continuo crecemento
A Deputación de Pontevedra prestará apoio e asesoramento ao Concello de Tomiño no deseño dun novo concepto de biblioteca, no que as novas tecnoloxías, as demandas da xente moza e o dinamismo teñan unha presenza destacada. Esta colaboración entre o organismo provincial e o Concello foi un dos principais puntos tratados na xuntanza que mantiveron esta mañá o deputado de Cultura, Xosé Leal, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Cultura, Cristina Martínez.
Ao remate da reunión, Xosé Leal quixo agradecer “a fórmula escollida polo Concello de Tomiño que, lonxe de solicitar fondos para un edificio, aposta primeiramente polo asesoramento para dotar de contido a esta infraestrutura cultural”. O deputado tamén fixo fincapé na importancia do tipo de biblioteca que busca o Concello e que “permitirá unha colaboración estreita co tecido asociativo e cultural da vila para facela máis dinámica e conquerir unha infraestrutura da que todas e todos os tomiñeses se sintan orgullosos”.
A colaboración da Deputación neste proxecto irá encamiñada a darlle forma ao enfoque e á xestión máis axeitada para que a futura biblioteca sexa un elemento construtivo e verdadeiramente transformador no panorama cultural de Tomiño, e que teña en conta e dea cabida á súa contorna social, cultural e asociativa.
Ao igual que sucede con outras vilas da provincia de Pontevedra, Xosé Leal comprometeuse a enviar unha serie de publicacións propias da Deputación en canto a biblioteca estea operativa.
Durante a xuntanza, deputado de Cultura anuncioulle á alcaldesa que a Deputación levará a Tomiño a exposición ‘Mulleres Galegas na Historia’, dentro das actividades culturais que o ente provincial está a achegar a diferentes concellos da provincia.
‘Mulleres Galegas na Historia’, que poderá visitarse no Mercado de Tomiño entre os días 21 de novembro e o 6 de decembro, fai un percorrido pola vida das mulleres máis representativas na historia do noso país, entre as que destacan María Pita, María Castaña, María Baleira, María Soliña, Concepción Arenal, La Bella Otero, ou Maruja Mallo. No período de exposición desta mostra, tamén se programará unha sesión de contacontos a cargo de Celso Fernández Sanmartín, que ofrecerá un espectáculo ao redor de contos tradicionais galegos que teñen como protagonistas a mulleres.
Por último, na xuntanza tamén se mencionou a participación do Concello de Tomiño no Culturgal 2015, que estará presente neste evento grazas ao posto que a Deputación pon a disposición dos concellos da provincia na presente edición



X