A derradeira xeira de verán organizada polo Concello de Tomiño ofrece da man do IEM, un percorrido polos petróglifos do Tetón O punto de encontro será o lugar coñecido coma Alto do Padrón, na Estrada Gondomar-Tomiño, ás 20.00 horas

O vindeiro xoves, 23 de agosto, ás 20.00 horas terá lugar a derradeira xeira, para todo público e gratuíta, organizada pola Concellalía de Turismo e Patrimonio, que dirixe Fátima Rodríguez, dentro do programa de verán “Tomiño Único”.

Nesta ocasión realizarase unha saída denominada “O Monte Tetón. A paisaxe tatuada”, coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), que será guiada polo experto Xosé Lois Vilar. Na mesma, o punto de encontro será a zona coñecida coma o Alto do Padrón, na estrada Tomiño-Gondomar, ás 20.00 horas. Na seguinte ligazón atópase a situación exacta da zona:

https://www.google.com/maps/d/u/0/viewer?mid=1Vr7dRzrqjsdunbNMkJWfT44cyBeAaHAU&ll=42.06286980000004%2C-8.744373900000028&z=17

A visita, dunhas dúas horas de duración, consistirá nun paseo polos principais petróglifos do Monte Tetón (Portaxes e de Real Seco), dentro do Parque Arqueolóxico do mesmo nome. Ambos os dous forman parte dunha ruta sinalizada e atópanse perfectamente delimitados, cunha plataforma de madeira para poder observalos sen ningún perigo. A antigüidade do conxunto remóntase aos anos 3000-2000 antes de Cristo.

O petróglifo de Portaxes é o maior en círculos concéntricos de toda Europa.

Por enriba dos gravados sitúase o Monte Tetón (474 m), dende onde pode desfrutarse dunhas magníficas vistas do Val Miñor e  O Baixo Miño.

Coma en outras anteriores, nesta última xeira contarase tamén coa colaboración de intérpretes de lingua de signos, de xeito que as persoas con problemas de audición, poidan desfrutar tamén desta interesante proposta cultural, natural e etnográfica. Non é necesario anotarse previamente.

Os organizadores recomendan levar calzado e roupa cómoda, algo de abrigo e auga.

Segundo informa a concelleira Fátima Rodríguez, o Concello está a ultimar distintas melloras nas pasarelas e varandas do parque arqueolóxico, para que a xente poida visitar a zona con total seguridade. “Aínda estamos traballando nas melloras; estase rematando a renovación dos peches perimetrais e un novo tramo de pasarela, para mellorar en concreto o acceso ao petróglifo do Real Seco”, explica.

Por outra banda, a edila salienta a boa aceptación por parte do público obtida de todas e cada unha das xeiras organizadas dende o Concello, co fin de coñecer mellor e por en valor os principais elementos patrimoniais e turísticos do municipio. Dende a concellalía manexan unha media de 130 persoas por visita, o que daría un total superior a 1000 participantes.