A directora da Axencia Galega de Turismo asistiu onte en Goián á inauguración do embarcadoiro inclusivo executado polo Concello Vontade convidou tanto á directora da Axencia Galega, coma á alcaldesa, a ser as “madriñas” da botadura ao río de dous novos barcos, o día 10 de maio

A directora da Axencia Galega do Turismo, Nava Castro, visitou onte ao mediodía Tomiño, co fin de asistir á inauguración do primeiro embarcadoiro inclusivo sobre o río Miño, construído na parroquia de Goián.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, agradeceu a visita da directora, lembrando o apoio económico da Axencia Galega de Turismo, para levar a cabo unha obra de interese social, da que poderán beneficiarse todas as persoas con problemas de diversidade funcional, así coma a cidadanía en xeral.

A obra denomínase “Proxecto de Accesibilidade de persoas con diversidade funcional ao espazo natural do Miño” e fíxose con cargo á subvención para investimentos en infraestruturas turísticas e recreativas de uso público que fomenten a accesibilidade, outorgada pola Xunta de Galicia, por un importe superior aos 161.000 euros.

As accións realizadas sitúanse na parroquia de Goián en espazo natural protexido, declarado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) para a formación da Rede Europea Natura 2000; zona de especial protección dos valores naturais, e área de protección costeira do Plan de Ordenación do Litoral.

O embarcadoiro consta de dous módulos flotantes, cunha estrutura desmontable de 12, 5 m. cada un, apoiados en dous pilotes metálicos situados nos extremos.

O acceso a eles resolveuse a través dunha pasarela cunha pendente máxima intermareal do 10%, que mide 39 m. de lonxitude, mais zona de escollera, e unha anchura de metro e medio.

A estrutura arrinca da terra, cun estribo de formigón armado, e penetra no río por medio dunha pasarela de estrutura metálica e pavimento de madeira.

Este pantalán inclusivo, será o primeiro cen por cen accesible nos tramos navegables do río Miño, dando a oportunidade de embarcar sen problemas ás persoas con diversidade funcional, coma por exemplo, aos membros do club de slálom motonáutica “Sen Amarras”, nado no seno do Centro Vontade, con sede en Tomiño.

Na visita estivo tamén o presidente do Centro Vontade, Miguel Pazos, así coma unha representación dos seus membros e representantes do club Sen Amarras, os que convidaron tanto á directora da Axencia Galega, coma á alcaldesa de Tomiño, a ser as “madriñas” da botadura ao río de dous novos barcos, o vindeiro día 10 de maio; convite que as dúas mandatarias aceptaron, comprometéndose a asistir.