A directora de Turismo e a alcaldesa de Tomiño amadriñan A BOTADURA da PRIMEIRA RUTA DE NAVEGACIÓN NO embarcadoiro INCLUSIVO O Club Deportivo Sen Amarras é o promotor deste proxecto

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amadriñaron este mediodía en Goián (Tomiño), a botadura das dúas embarcacións que inauguraban a primeira ruta turística no embarcadoiro inclusivo do Espazo Natural do Río Miño, unha infraestrutura que se realizou ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre este concello pontevedrés e Turismo de Galicia e que garante a accesibilidade de embarque e desembarque das persoas con diversidade funcional nesta parte do Miño.

O acto da botadura contou coa presencia, ademais, dos representantes da Asociación de Desenvolvemento EU Rural (fondos Leader) e de La Caixa, ambos os dous patrocinadores das embarcación, cun achegamento do 90 e 10%, respectivamente.

Nas súas intervencións, tanto a alcaldesa, coma a directora da axencia de Turismo, salientaron o pracer e o orgullo de ser madriñas de dúas embarcacións inclusivas, que a partir de agora permitirán disfrutar do río tamén as persoas con mobilidade reducida.

Seguidamente, foron bautizados con viño da zona os barcos “Sen Amarras 1” e “Sen Amarras 2”, por Sandra González e Nava Castro, respectivamente. O acto rematou coa botadura das embarcacións e un paseo polo río.

Os barcos, cun orzamento de máis de 60.000 euros entre os dous, teñen 5,30m de eslora e 2,15 de manga, dispoñendo dunha proa abatible con acceso para cadeiras de rodas, desde onde as persoas con diversidade funcional, poden tripular a embarcación, se o desexan.

O Club Deportivo Sen Amarras, impulsa estes novos roteiros fluviais coa previsión da posta en marcha de até 12 saídas turísticas polo Miño, entre os meses de xuño e setembro, tomando como punto de inicio este novo embarcadoiro inclusivo.

Pola súa banda, o embarcadoiro inclusivo do Miño –que contou cun investimento de 150.000€- e foi inaugurado a pasada semana, permite pór en valor as numerosas alternativas turísticas do río ao seu paso por Tomiño.