17 Set 2017 “A escola de O Seixo” luce un novo patio verde e con elementos naturais de xogo Para o comezo das clases, o Concello de Tomiño fai unha posta a punto dos colexios

A posta a punto dos colexios do Concello de Tomiño fíxose de cara á inauguración deste novo curso escolar, con actuacións de mantemento e mellora das instalacións ao longo das últimas semanas.

De xeito singular, os cativos e cativas que asisten á Escola do Seixo poderán desfrutar este ano dun novo patio, con menos elementos plásticos e cunha configuración máis natural onde os compoñentes verdes cobran unha maior importancia. Trátase dun patio innovador que busca a sintonía cun parque, albergando tanto árbores coma zonas axardinadas para que os nenos e nenas aprendan e xoguen en contacto coa natureza.

A obra, que se enmarca no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, supuxo un investimento de 55.000 € e realizouse de xeito consensuado coa AMPA e coa dirección do CRA. Os traballos de remodelación deste patio do Seixo, cobren así unha necesidade xurdida o curso pasado, e prevese na escola de Barrantes unha actuación similar ao longo deste primeiro trimestre.

A maiores, tódolos colexios pasaron este verán por obras de coidado e conservación. Cambio de portas, elementos de iluminación, pintado de aulas, ventás no ximnasio do CEIP Pedro Caselles; renovación do chan de dúas aulas infantís e da aula de informática en Sobrada; peche exterior, pintado do portal e melloras na aula de informática en Goián; e, por suposto o novo patio natural do Seixo así como o cambio da súa cuberta co que se arranxou de xeito inmediato un problema de humidades.

Houbo tamén controles e revisións de mantemento en tódalas escolas unitarias do Concello de Tomiño: 11 aulas do CRA, 5 CEIP, 2 Escolas infantís-Gardarías e o Instituto de Ensinanza Secundaria que recentemente tamén obtivo o seu novo nome, Antón Alonso Ríos, e que xa o luce nunha placa na entrada principal. Para inicios do vindeiro ano, está previsto tamén o acondicionamento da pista exterior deportiva da escola de Tebra.

Dende o Concello de Tomiño séguese apostando polas inversións no mantemento e melloras nas instalacións educativas, buscando unha educación de excelencia e calidade.



X