teatro-adultos

A Escola Municipal de Teatro do Concello de Tomiño amplía a súa oferta cun grupo para persoas adultas. A partires do vindeiro martes 17 de outubro, comezan as actividades de teatro nas aulas do Auditorio Municipal de Goián

A Escola Municipal de Teatro arrinca este novo curso cunha importante novidade, a creación dun grupo de teatro para os adultos e as adultas interesados/as en participar.

Aos 3 grupos existentes, de 4 a 8 anos, de 9 a 12 anos e de 13 a 17 anos, este ano incorpórase un cuarto grupo para persoas maiores de 18 anos. Esta nova ampliación nace da crecente demanda de persoas maiores de idade interesadas en asistir ás clases de teatro. Os horarios dos grupos son, respectivamente, de 17:30h a 19:00h, de 16:00h a 17:30h, de 19:00h a 20:30h e de 20:30h a 22:00h.

Co novo grupo o Concello de Tomiño busca iniciar no teatro a tódalas persoas que desexen adentrarse no mundo da interpretación, e á súa vez, dar continuidade aos mozos e mozas que xa asistían ás clases de teatro e que ao alcanzar a maioría de idade non podían continuar nos antigos grupos de idade establecidos. Deste xeito, acércanse as artes escénicas a tódolos públicos, sen límite de idade e dun xeito asequible.

Os tres primeiros grupos teñen un máximo de 20 prazas cada un, e o grupo de persoas adultas ten un máximo de 16 prazas. O prezo da actividade é de 15 € ao mes, aínda que existen descontos para irmáns ou irmás nos grupos de menores e para familiares no grupo de maiores de idade.

As inscricións e toda a información necesaria están dispoñibles na Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, no teléfono 986 622 001, ou na páxina web www.tomino.gal.