A Escola Municipal de Teatro prepara un obra de teatro co “book crossing” como fío argumental.

Máis de 40 nenos e nenas de Tomiño acuden semanalmente as clases.

Tamara González da Compañia Migallas Teatro é a encargada de impartir as aulas.

O alumnado de Escola Municipal de Teatro estreou camisetas oficiais na tarde de onte. A Alcaldesa, Sandra González e a Concelleira de Cultura, Cristina Martínez encargáronse de agasallar cunhas fermosas camisetas aos nenos e nenas que asisten semanalmente ás aulas de teatro.
A Escola Municipal de Teatro é impartida pola monitora Tamara González da Compañía Migallas Teatro. As clases, divididas en tres grupos con tres turnas, teñen lugar os martes pola tarde no auditorio de Goián.
Máis de 40 nenos e nenas de entre 4 e 17 anos toman aulas recibindo formación teatral mais tamén adquirindo coñecementos culturais e valores cívicos.
Descubrir e fomentar recursos expresivos e comunicativos, estimular a fantasía, desenvolver a imaxinación e as capacidades creativas; prepararlles para o xogo dramático espontáneo e libre, vencendo a vergoña e a timidez e motivando o traballo en equipo, cooperativo e solidario, son só algúns dos obxectivos da Escola Municipal de Teatro de Tomiño.
Outros dos obxectivos da escola municipal de teatro, son a aprendizaxe activa e gozo do folclore infantil poético (cancións, devanditos, etc.) e dos xogos tradicionais galegos; o coñecemento da propia localidade tomiñesa e da natureza que lles rodea (animais, plantas), así como tamén, a concienciación sobre o coidado da contorna, e o fomento da lectura en galego. Familiarizar aos pequenos coa escoita de contos; favorecer a fluidez na expresión oral e escrita en galego, e fomentar a non discriminación por razón de xénero, figuran tamén entre os fins da institución.
A Escola Municipal de Teatro responde ás inquedanzas dos cativos e cativas e fomenta o interese polo mundo que nos rodea e por temas actuais. De feito, o alumnado xa comezou a preparar a obra de teatro de fin de curso que versará sobre temas de actualidade tendo como punto de partida o “book crossing”, é dicir, a actividade de liberar libros para que outros os disfruten. A trama das diferentes obras de teatro, cada grupo levará a escea unha peza confeccionada por eles mesmos, están enriquecidas polas lecturas que fan nas clases, polos temas históricos que serven de contido ás aulas (actualmente os Reis Católicos) e as nocións de arte que van adquindo co estudo da vida e traxectoria de pictores (neste trimestre tócalle o turno ao Bosco).
A Alcaldesa, Sandara González, destacou o papel da escola municipal de teatro como actividade fundamental na formación dos máis miúdos en cidadáns. Segundo González “a Escola Municipal de Teatro leva oito anos agasallandonos con actuacións que nos recordan ano a ano a importancia da cultural na formación dos nenos e nenas”.