Preocupada polo futuro do galego, Henar Alonso, gañadora do concurso  de camisetas convocado polo Concello, participa coma voluntaria nas actividades da OMIX dende hai tempo

 

Henar Alonso, natural de A Guarda, 37 anos, deseñadora gráfica freelance, foi a gañadora do concurso de camisetas que cada ano convoca a OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Tomiño con motivo da celebración do Día das Letras Galegas.

Con 18 anos marchou a Canarias, a súa segunda terra, onde permaneceu 13 años e estudou deseño gráfico en Lanzarote (Escola de Arte Pancho Lasso de Arrecife). Mentres, traballou en moitas cousas, e ao rematar os seus estudos decidiu volver a Galicia.

Este é o primeiro ano que presentou propostas ao concurso. E saíulle ben, “A idea principal que tiña en mente era facer unha camiseta que a xente quixera por todo o ano, non só o 17 de maio.
Vexo con preocupación como as novas xeracións se distancian do galego no uso cotiá.
Con este deseño, dende a miña modesta posición, tento fomentar o orgullo por falar a nosa lingua”, explica Henar cando se lle pregunta polo seu deseño.

E continúa: “creo que igual ca min, a moita xente lle preocupa o futuro do galego; dende fai varios anos participo nas actividades do 17 de maio en Tomiño, que o meu deseño estea este ano nas camisetas faime moita ilusión”.

A xove deseñadora agradece ao Concello que elixira a súa proposta, especialmente á OMIX e resto do xurado.

Dende a OMIX informan que este ano presentáronse a concurso 8 deseños; todos eles con “moito nivel”, polo que a decisión foi realmente difícil. O xurado, formado polo concelleiros de Mocidade, Cultura e Deportes e voluntarios/as da OMIX, tivo en conta non so aspectos técnicos da proposta (unha soa cor sobre fondo branco) senón tamén o feito de que estivera relacionada co Día das Letras.

Mañá, día 17, repartiranse 700 camisetas co logo gañador do concurso, entre as persoas que participen nalgún dos obradoiros e actos programados (non estarán á venda).