A II Taça Ibérica de Trial reunirá este sábado en Cerveira a varios centenares de atletas galego portugueses

A proba, que duplicou o número de participantes nesta segunda edición, forma parte da axenda cultural e deportiva Amizade Tomiño-Cerveira

A un día da súa realización, a II Taça Ibérica de Trail Cerveira-Tomiño, duplicou o número de inscritos, e espertou o interese de entidades responsábeis que van avaliar a integración da proba no calendario do circuíto nacional.

A proba de que o éxito da primeira edición foi amplamente superado o presente ano, é o feito de que a competición fora incluída coma unha das actividades da axenda conxunta Amizade Tomiño-Cerveira.

Pola excelencia das condicións naturais e técnicas, este trail duplicou a adhesión de participantes, pasando de 350 a 750.

A II Taça Ibérica de Trail Cerveira-Tomiño celebrarase este sábado, 7 de maio, con partida e chegada no centro histórico de Vila Nova de Cerveira. A proba dos 50km. comezará ás 08h00 e conta cun máximo de 150 atletas. Ás 09h30 sairán os inscritos no Trail Curto 21km, perto de 400, e os do Mini Trail 10km, uns 200.

Entre as novidades desta segunda edición está a instalación do punto de partida e chegada en pleno centro histórico (Praza Alto Miño), e a realización do I Sunset Ibérico.

A nivel técnico, cada proba tamén presenta algúns cambios con relación ao ano pasado; nomeadamente a asignación de competitividade á Camiñada/Mini Trail 10km, con tempos e clasificacións; unha maior interacción coa poboación das parroquias e un desnivel máis elevado no Trail Curto de 21km. e no Ultra Trail de 50km.

Con varios postos de abastecemento colocados estratexicamente ao longo do percorrido, a organización recomenda unha alimentación saudábel e boa hidratación, axeitada preparación física e uso de material adecuado ás necesidades de cada un.