A III Semana da Educación de Tomiño encherá o auditorio municipal de Goián Unhas 300 persoas participarán do 19 ao 22 de febreiro nunhas xornadas que afondarán na motivación do alumnado, no bullying, na educación na adolescencia e nas normas e límites

Grandes expectativas arredor da Semana da Educación de Tomiño, que chega á súa terceira edición co aforo completo. Unhas 300 persoas inscribíronse nesta ocasión para asistir a unhas xornadas que reunirá do 19 ao 22 de febreiro no auditorio municipal de Goián a catro destacados expertos que afondarán na motivación do alumnado, no bullying, na educación na adolescencia e nas normas e límites.

Baixo o lema ‘Da casa á escola: ferramentas para unha educación eficiente’, a Semana da Educación busca visibilizar a importancia da educación na sociedade, unha firme aposta do Concello de Tomiño, que leva anos traballando para mellorar as capacidades e habilidades do alumnado, sempre dun xeito integral e involucrando a todos os axentes implicados.

Destacados conferenciantes

Durante catro días catro destacados profesionais do mundo da comunicación, a psicopedagoxía e a investigación afondarán en diversos aspectos da educación. Javier Cebreiros, doutor en Comunicación e socio do espazo de innovación social ‘Impact Hub Vigo’ e da empresa InfoJC, será o encargado de inaugurar a semana de conferencias o luns 19 de febreiro. Durante a súa intervención falará sobre a ‘Comunicación con emoción: a motivación está sobrevalorada’, na que a través de ferramentas prácticas, anécdotas e datos científicos ponse en valor a capacidade de elixir a actitude a adoptar en cada momento.

O martes 20 de febreiro será a quenda de Alba Alonso, que chegará coa sua charla sobre ‘O bullying de xénero ou cando o mundo rosa/azul tórnase negro’. Especialista en maxisterio e cofundadora de RealKiddys, un proxecto para promover a igualdade de xénero entre a infancia, Alonso concienciará aos presentes sobre o estado actual do bullying en aulas e fogares e ofrecerá varias ferramentas para actuar contra os diferentes tipos de acoso escolar.

O educador social e mestre na Universidade de Barcelona Carles Vila será o protagonista na terceira xornada da Semana da Educación, o mércores 21 de febreiro. Con máis de 19 anos de experiencia traballando con mozos e mozas, a través da charla ‘Como escoitamos e miramos ás persoas adolescentes?’ promoverá a reflexión sobre os condicionantes cos que as persoas adultas miran ás persoas adolescentes e como isto inflúe nos procesos de educación.

O peche das xornadas será a cargo de María Hidalgo o xoves 22 de febreiro coa conferencia sobre ‘Claves educativas para empoderar ás familias: como consensuar normas e límites esenciais’. Licenciada en Comunicación Audiovisual e máster en Cultura de Paz, Conflitos, Educación e Dereitos Humanos, Hidalgo dividirá a súa conferencia en catro bloques para falar das habilidades esenciais que os rapaces e rapazas deben de aprender fóra das aulas, dos riscos de educar dende o medo en lugar de dende o respecto, das prácticas nocivas na educación que se lle da aos fillos e fillas e da importancia do establecemento de normas e límites.

Todas as conferencias serán ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián.

Programa completo premendo aquí.



X