A Mostra de Cultivos chega á súa XV edición apostando pola profesionalización no agro Por primeira vez contará cun espazo de recollida de currículos, con asesores laborais e cun obradoiro de empregabilidade

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo quinta edición cun obxectivo claro: apostar de cheo pola profesionalización do sector. E o fará creando por primeira vez un espazo que xirará arredor do emprego no agro, cun punto dedicado á recollida de currículos e coa presenza de varios asesores laborais especializados que estudarán e orientarán a todas aquelas persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional en distintas áreas deste sector.

Estas dúas iniciativas completaranse coa celebración dun obradoiro de empregabilidade o sábado 3 de marzo,  aberto a todos os públicos e do que se pode recibir máis información escribindo un correo electrónico a acubam@mostradecultivos.eu. Ademais, afondando nesa necesidade de potenciar a profesionalización do sector a través da mellora das competencias, o venres 2 de marzo (16.00 horas) celebrarase unha mesa técnica sobre o modelo de negocio no agro no que se tratarán distintas perspectivas da realidade do sector e diversas fórmulas de éxito que se poderían desenvolver no ámbito da xestión empresarial con empresas reais que falarán das súas experiencias.

Para todos os públicos

A XV Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 2 ao 4 de marzo no pavillón municipal de Goián, organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño. O eixo central desta nova edición xirará arredor da historia do agro na comarca, facendo un percorrido polo que é, polo que representa e cara onde camiña o sector a través de diversas actividades para profesionais e público en xeral.

A Mostra “xurde como un escaparate do que se fai no sector, pero tamén como punto de encontro e fortalecemento entre as empresas. Por iso gustaríame convidar a todo profesional ligado co agro a visitarnos durante a xornada do venres ou o sábado esperando atopar unha mostra consolidada, fortalecida e integradora, pero tamén invitar a todos os pais e nais para que o domingo se acheguen a desfrutar con nos das distintas propostas lúdicas que temos organizadas”, salienta Patricia Rodríguez, presidenta de acuBam.

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca a importancia do agro tanto na comarca do Baixo Miño como no propio concello, “un sector estratéxico que emprega a moitísima xente” e entendido “de maneira moderna, non como un agro de subsistencia, senón do que se pode vivir dignamente e con calidade de vida”.

Tres días cheos de actividades

A mostra achegará ao público participante aos inicios do agro no Baixo Miño cunha exposición fotográfica das principais épocas do sector que permitirá apreciar a súa evolución ata hoxe en día e servirá para facer unha radiografía do presente a través dos preto de 30 expositores que estarán na mostra. O futuro chegará un ano máis da man de Acubam Innovación, un certame que chega á súa terceira edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca.

Entre as novidades desta nova edición tamén destaca a presentación dos Premios Xardinería 2018, organizados por primeira vez por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), e a realización dunha xornada de carácter máis solidario o domingo 4 de marzo, día no que o centro de educación especial San Xerome, de A Guarda, contará cun posto de venta de produtos cedidos polo resto de expositores para recadar fondos para a reforma dunha bañeira terapéutica na entidade.

Ademais, o público poderá asistir a calquera das tres mesas técnicas organizadas para a ocasión, na que se tratarán dende a importancia da diagnose e a definición dos protocolos de actuación na loita contra pragas, prestando especial atención ao caso Xylella, ata o tema da auga no rural, abordando cuestións como os plans hidrolóxicos, as regulacións nos plans de seca, a garantía sanitaria do recurso ou o problema do radón en Galicia.

A última xornada da mostra, o domingo 4 de marzo, estará máis centrada en actividades para toda a familia, coa celebración dun obradoiro lúdico con talleres ecolóxicos, probas físicas, obradoiros de reciclaxe e xogos tradicionais para espertar entre os e as participantes a curiosidade polo sector. A mostra rematará cun concerto do grupo Rock Percusión, integrado por alumnado do centro San Xerome, a partir das 18.00 horas.

Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.