A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega esta fin de semana con importantes novidades

A décimo terceira edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño presentará importantes novidades na producción e distribución de planta ornamental e maquinaria especializada, abríndose ademais á participación do país veciño, coa participación, por vez primeira, de varios viveiros portugueses.

Así o manifestou o presidente de Acubam (Asociación Cultivos do Baixo Miño), José Cosmed na presentación oficial da mostra, celebrada esta mañá en Goián (Tomiño). O directivo salientou o especial esforzo de internacionalización realizado este ano, para abrir á mostra a expositores lusos e doutras zonas do país.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañou ao directivo de Acubam na presentación do evento, así coma outros membros da asociación, do goberno local e a artista tomiñesa Andrea Pousa, quen pechará a mostra deste ano cunha actuación musical. A rexedora local achegou datos de interese sobre o sector e o que representa para a economía tomiñesa, e lembrou a colaboración incondicional do Concello nas iniciativas dos agricultores.

Segundo informaron os responsables da organización, na actualidade o sector dos cultivos é o primeiro na economía local, cun volume de negocio que rolda os 50 millóns de euros ao ano. A vide, o kiwi e a planta ornamental concentran a maioría da producción da zona (unhas 400 hectáreas) actuando como un gran xerador de emprego (500 postos de traballo directos e 250 indirectos, dos cales un 80% é feminino).

A 13ª Mostra de Cultivos celebrarase a vindeira fin de semana (2 e 3 de abril) no Pavillón dos Deportes de Goián. Unha superficie de 1100 metros cadrados que albergará unha trintena de firmas do sector da planta ornamental, flor cortada, fruticultura e empresas auxiliares do campo.

Entre as actividades complementarias, os organizadores salientaron principalmente as conferencias do día sábado (xuntamos programa), orientadas a profesionais, e os actos do domingo, para público xeral, entre as que figuran a exposición do proxecto escolar “As nosas amigas as plantas”, que leva adiante Acubam nos 19 colexios do concello, con 250 nenos e nenas de entre 3 e 6 anos de idade.
Tamén de salientar á a exposición de artistas da zona que amosarán as súas creacións en pintura e escultura.

Mención aparte para o concerto que a artista tomiñesa Andrea Pousa brindará o domingo pola tarde, como peche das actividades. Na ocasión, estará acopañada pola súa banda e o Bruxo Queiman, ambos presentes na rolda de prensa de hoxe, onde explicaron que farán unha “tematización da orixe celta da planta atlántica”.

20160330_115228_resized20160330_111307_resized_1

20160330_111509_resized_1