A OMIX convoca unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas As propostas poden presentarse ata o vindeiro 7 de maio ás 12.00 horas

Un ano máis a OMIX de Tomiño quere conmemorar o 17 de maio con enxeño e creatividade arredor da lingua galega e vén de convocar unha nova edición do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas 2018.

O deseño será libre e aberto e valorarase que teña un deseño atractivo, inspirado e que busque a promoción do uso e normalización o galego en todos os ámbitos. O deseño estará pensado para colocarse unicamente na parte dianteira da camiseta cunha soa cor a estampar sobre fondo branco.

Como novidade, este ano todas as persoas que participen e envíen as súas creatividades serán agasalladas cunha camiseta que leve o modelo gañador. Ademais, o autor da camiseta elixida finalmente para representar ese día será premiado con dúas camisetas coa imaxe, un libro escrito pola autora homaxeada este ano, María Victoria Moreno, e coa difusión tanto nas redes sociais como nos diferentes medios de comunicación da súa obra.

Todas as persoas interesadas en participar poderán enviar a súa proposta a omix@tomino.gal ata o vindeiro 7 de maio ás 12.00 horas.