banner-cursos

A OMIX de Tomiño descubre á mocidade o traballo de grandes artistas descoñecidas Aberto o prazo de inscrición para este curso, que arrancará o 14 de marzo. Aínda quedan prazas para o obradoiro de Francés Básico

A OMIX de Tomiño segue a traballar para achegar á mocidade da vila unha oferta “atractiva e variada” que se adapte en gran parte á súa demanda formativa. O servizo acaba de abrir o prazo de inscrición para un novo curso, ‘Mulleres artistas por descubrir’, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.

Durante 10 horas, todas as persoas asistentes coñecerán máis sobre a arte e recoñezan a mulleres artistas que, “a pesar de ser grandes creadoras en distintas artes plásticas son tamén grandes descoñecidas”. O curso, impartido pola artista plástica Gemma Marqués, comezará o 14 de marzo e rematará o 18 de abril.

O curso impartirase os mércores de 18.00 a 19.30 horas e terá un custe de inscrición de 10 euros. Para inscribirte, enche o formulario.

Curso de Francés Básico

A programación formativa da OMIX comezará este mesmo mes de febreiro con dous cursos diferentes. Por un lado, un curso de Radio que se iniciará o 22 de febreiro e que está a piques de colgar o cartel de cheo, e outro de Francés Básico, que arrancará o mércores 21 de febreiro. Neste último curso, durante 24 horas unha profesora nativa non soamente ensinará outro idioma senón que axudará aos participantes “a ampliar as habilidades comunicativas, a introducilos noutra cultura e mesmo a abrirlles portas a nivel laboral”. O curso desenvolverase os mércores de 20.00 a 22.00 horas na Escola Obradoiro de Goián e ten un custe de 15 euros.

Os interesados poden inscribirse enchendo este formulario.