A OMIX do Concello de Tomiño amplía a inscrición para os obradoiros de Inglés e Emprendemento

En breve, será publicada a programación deportiva e infantil para este verán 2017, que incluirá por vez primeira, unha programación de cursos innovadores de balde

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX Tomiño) vén de ampliar a inscrición aos cursos “OBRADOIRO-FALADOIRO DE INGLÉS” e “CURSO DE EMPRENDEMENTO”.

A data de inicio de ambos os dous posponse debido a que non se acadou o número mínimo de persoas inscritas. Por esta razón, aquelas persoas interesadas en facer algunha das actividades, están a tempo aínda de apuntarse. O faladoiro de inglés terá una duración total de 30 horas, e un prezo de 25 euros. As clases impartiranse luns e mércores de 19.00 a 21.00 horas, na Aula CeMit (Campo da Feira).

Con respecto ao Curso de Emprendemento, no que se estudiarán técnicas e habilidades para crear a propia empresa, así coma para traballar en equipo,co entorno económico, social e ambiental como fonte de oportunidade  de negocio, estará dividido en 5 bloques temáticos, teórico prácticos. A duración será tamén de 20 horas e o prezo 40 euros. Horario: martes e xoves de 16.30h a 20.30h, na Escola Obradoiro de Goián.

Por outra banda, informan dende a OMIX, que en breve, será publicada a programación deportiva e infantil para este verán 2017, que incluirá por vez primeira, unha programación de cursos innovadores e variados de balde.

Para máis información ou inscricións, acudir ás oficinas da OMIX (antiguo centro de saúde) ou chamar ao Concello (986 62 20 01), en horario de mañá.