Estás celebra a súa XX Exposición e Semana Cultural cunha mostra conmemorativa do escultor Antúnez Pousa As actividades coinciden coas Festas da Peregrina, que se celebran os días 25, 26 e 27 deste mes

A Semana Cultural de Estás chega á súa 20ª edición cunha exposición do escultor local José Antúnez Pousa; o mesmo que hai 20 anos inauguraba coa súa obra, a primeira mostra artística da semana cultural.

A mostra, organizada polo Centro Cultural e Social de Estás, coa colaboración do Concello de Tomiño e da Comunidade de Montes de Estás, será inaugurada o domingo 19 de agosto ao mediodía, e permanecerá aberta até o 26. Trátase dunha serie de 14 pezas, realizadas nos últimos dous anos de liñas modernas, definidas e cavidades, feitas en mármore. O corpo humano e a natureza inspiran as creacións do artista, en pezas coma “Maternidad”, ”Torso”, “Mujer sentada” ou “Pez con cinta”.

Antúnez Pousa é ademais, un dos principais impulsores da mostra artística que se fai coincidindo coas festas de Estás, de onde el é natural. Naceu no seo dunha familia de artistas e dende neno comeza a interesarse pola escultura e con 14 anos inicia os seus estudos en Vigo. Aínda que é máis coñecido por obras de gran tamaño, coma o “Monumento aos telleiros” (O Rosal) ou “Monumento dos mariñeiros” (A Guarda), nesta vixésima mostra de Estás, reúne pezas medianas na súa maioría, para adaptarse ás características da sala.

A primeira mostra escultórica celebrouse no ano 1999, promovida por unha directiva coa que xa colaboraba Antúnez, “porque eran as festas do meu pobo”, explica.

Dende entón, pasaron pola sala de exposicións do centro, recoñecidos artistas da zona, coma Xoán Piñeiro, Xabier Pousa, Quico Paz Antón, Nando Álvarez ou Lili Pobornikova, entre moitos outros.

No ano 2008 celebrouse o  X Aniversario do Centro Cultural e Social de Estás, cunha importante exposición colectiva de pintura e escultura, na que tamén estiveron moitos dos mellores artistas tomiñeses.

Outra persoa que leva organizando a exposición de arte dende o principio, é Mino Álvarez, que continúa sendo vocal e un dos que sigue tirando do carro para que a Semana Cultural de Estás siga viva. Lembra aos que comezaron con el, coma a Chito, o primeiro presidente da directiva, “tentando que o centro fora algo máis que un bar”. Tamén a Silvio González, baixo cuxa presidencia comezouse a construír o actual edificio, realizado con achegas persoais e da comunidade de montes.

O de Estás é un dos centros sociais e culturais máis activos de Tomiño, e organiza ao longo do ano numerosas actividades, coma a festa da bicicleta, do socio, a semana cultural de San Sebastián, a sardiñada de San Xoán, a debullada, etc.

Por outra banda, a semana cultural faise coincidir coas Festas da Virxe Peregrina de Estás, que se celebran na parroquia entre os días 25 e 27 de agosto.

 

 

 



X