18 Nov 2016 A petición dos nenos e nenas de Tomiño, o Concello comprométese a axudar aos refuxiados, a través de Unicef

  • A Casa da Cultura acolleu hoxe un pleno infantil para conmemorar o Día Internacional da Infancia
  • Organizada en colaboración con Unicef, a actividade tivo coma obxectivo dar voz aos nenos e nenas para que achegaran a súa visión da realidade, e amosarlles ao mesmo tempo, o funcionamento das institucións

Pleno infantil 18

O Concello de Tomiño comprometeuse hoxe a través da alcaldesa, Sandra González, a crear unha partida orzamentaria destinada a canalizar por medio de Unicef, a axuda aos refuxiados que se ven obrigados a fuxir doas seus países por culpa das guerras e outras catástrofes.

A promesa da rexedora, tivo lugar ao final do pleno infantil celebrado este mediodía na Casa da Cultura, co fin de conmemorar o Día Internacional da Infancia e o 27 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN).

A sesión plenaria contou coa presencia de alumnado dos colexios públicos de Primaria, incluído o CRA (Centro Rural Agrupado) Mestre Manuel Garcés; Marisé Pérez Mariño, vocal do comité vigués de Unicef, docentes e público en xeral.

Pleno infantil 6

Cada un dos centros educativos expuxo un tema relacionado coa CDN (dereitos á saúde, á participación, á protección, á familia, á educación, etc.). O CEIP de Tebra (clase de 4º curso) tocou o tema do dereito á protección da poboación infantil a non traballar, a non ser maltratado nin obxecto de acoso escolar; a ser protexido das guerras e desastres naturais, etc.. Neste punto, e trala proxección dun vídeo alusivo, foi notoria a preocupación dos menores tomiñeses polo drama dos refuxiados e incluso preguntaron á alcaldesa se o Concello tiña previsto axudarlles dalgunha forma.

Deste xeito e logo de consultalo coa representante de Unicef, a rexedora local anunciou formalmente o seu compromiso e o do seu equipo de goberno, explicando que ao non ter unha forma máis directa de poder axudar ás familias afectadas, faríano a través dos canais de Unicef.

O evento celebrouse na Casa da Cultura, e tivo unha duración de 1 hora e media, aproximadamente.

O alumnado participante fixo propostas concretas para mellorar a situación da poboación infantil no mundo, que entregou por escrito á alcaldesa. Os peques do CRA, fixeron un vídeo, que foi proxectado ao inicio da sesión, defendendo o dereito a xogar.

Sandra González pechou a sesión plenaria, agradecendo a presenza e traballo de todos os participantes e animando a seguir loitando polos dereitos infantís e doutros grupos sociais desfavorecidos.

 



X