A piques de rematar o prazo para presentar oferta por un dos catro postos de venta do Mercado de Goián Os interesados teñen ata o 22 de decembro para inscribir a súa proposta no Rexistro Xeral do concello de Tomiño, na praza do Seixo

Quedan poucas horas para que remate o prazo para presentar propostas coas que optar a conseguir un dos catro postos de venta que acollerá o recentemente remodelado Mercado de Goián. Tras a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra da licitación para a concesión de uso destes espazos, os interesados e interesadas en optar a un deles teñen ata este venres 22 de decembro como data límite para inscribir as súas propostas no Rexistro Xeral do Concello de Tomiño, na praza do Seixo.

Os postos sácanse a concurso por 15 anos e con eles optarase a un local “nun espazo novo, acolledor, moderno, céntrico e moi ben acondicionado que está á altura das expectativas de praceiros e praceiras e de consumidores”, como destaca o concelleiro de Promoción Económica, Antonio Tartaglione. “A praza de abastos é un emblema de Goián e a súa remodelación e posta en marcha responde ás demandas da veciñanza da zona, que quería un espazo no que continuar coa actividade do seu mercado”, salienta.

A remodelación do Mercado de Goián contou cun investimento total de 109.557 euros, dos que 70.000 foron achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dunha axuda aprobada dentro da convocatoria ‘Espazos de Emprendemento Comercial no Rural’. Agora contará cun posto de carnizaría, peixaría, froitaría e floraría.

As obras serviron para modernizar o espazo interior da praza de abastos e facer pequenos cambios no exterior, tanto no pórtico para darlle accesibilidado ao local como na terraza para arranxar deficiencias de desgaste. A remodelación tamén permitiu abrir novos ocos de paso, crear unha illa central e axeitar unha parte das instalacións a outros usos relacionados coa cultura e a cohesión social.