A Policía Local de Tomiño cortará varias rúas do centro para o desfile do ‘Venres de Foliada’ Un operativo con preto de 45 persoas velará pola seguridade do público e dos máis de 1.500 participantes nas comparsas

Últimos detalles para que todo estea listo para a celebración en Tomiño do tradicional ‘Venres de Foliada’, que este 9 de febreiro congregará a miles de persoas polas rúas da vila. Un operativo formado por preto de 45 persoas entre Policía Local de Tomiño con reforzos de axentes de A Guarda, voluntarios de Protección Civil e traballadores do concello traballará para que o evento transcorra con total normalidade. Este luns reuníanse no salón de plenos tomiñés con representantes de todas as comparsas participantes para darlle as últimas instrucións de seguridade.

Varias treboadas irán abrindo camiño durante o desfile ás 20 comparsas participantes, que sairán ás 21.30 horas de diante do CEP Pedro Caselles Beltrán para facer un percorrido por varias rúas do centro. Dende aí as máis de 1.500 persoas participantes no desfile percorrerán a rúa Mosteiro e a rúa Gondomar, para logo volver pola rúa da Guarda ata a Praza do Seixo e despois saír pola Avenida República Arxentina.

Este percorrido obrigará á Policía Local de Tomiño a pechar o paso e estacionamento de vehículos en varias rúas do centro da vila. Así, desde as 16.00 horas do venres 9 de febreiro ata as 01.30 horas do sábado 10 de febreiro, queda totalmente prohibido o estacionamento nas rúas República Arxentina, A Guarda e Gondomar. Ademais, a partir das 21.30 horas procederase ao peche do tráfico rodado polo centro urbano e habilitaranse desvíos con rutas alternativas debidamente sinalizadas.

Dende o operativo de seguridade pídese a máxima colaboración cidadá ao tempo que eles traballarán para que o evento ocasiones o menor trastorno posible a todos os veciños e veciñas da zona do desfile. Para resolver dúbidas ou máis información, a cidadanía pode poñerse en contacto coa policía local a través dos teléfonos habilitados: 986 622 006 ou 616 974 455.

Grande afluencia de público

Dende o Concello espérase unha grande afluencia de público a este ‘Venres de foliada’, evento que abre o entroido na comarca, xa que é o primeiro dos desfiles de comparsas que se celebran nestas datas no Baixo Miño. Para a concelleira de Cultura, Ana Cristina Martínez, o desfile é un reclamo ao que cada vez acode máis xente “interesada en participar nunha actividade de lecer pero que serve tamén para dinamizar a economía e a hostalería local, con máis dun millar de persoas que veñen dende moitos puntos da provincia para desfrutar do noso ‘Venres de foliada’”.

O goberno municipal quere agradecer aos voluntarios de Protección Civil, á Policía Local e aos traballadores do concello a gran labor que desenvolven durante toda esta xornada para garantir a seguridade do desfile e que o público poida parar un bo rato desfrutando do evento sen contratempos. En caso de choiva, o ‘Venres de foliada’ trasladarase ao venres 16 de febreiro á mesma hora.

Este ano participan 20 comparsas, cinco delas de Tomiño: Revolución Show, Asociación Comparsa Luces de Tomiño, Comparsa Estrelas da Noite, Asociación Cultural Ciklón e Festa do Árbol. Ademais, desfilarán comparsas de Gondomar, Marín, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Tui e Vigo. A orde de participación das comparsas será por rigoroso orde de chegada á cabeceira do desfile.

Goián celebra o seu entroido

Pero o entroido non remata en Tomiño co ‘Venres de foliada’. Goián celebrará o seu tradicional carnaval do 10 ao 14 de febreiro cunha programación que un ano máis contará con desfile, carreira de carretillas, verbenas e sopa como protagonistas. Organizada pola Asociación de Entroido de Goián en colaboración co Concello de Tomiño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes de Goián, cada ano este evento reúne a un gran número de participantes.

A festa arrancará o sábado 10 ás 09.30 horas cos veciños e veciñas da zona acompañando á banda de gaiteiros percorrendo as rúas da parroquia para ‘facer a pedida’ e recoller algunhas das cousas que se empregarán ao longo dos cinco días de celebración. O domingo chegan algúns dos pratos fortes: ás 12.00 h desfile de disfraces con nenos e nenas pola zona e a partir das 17.00 h VIII Carreira de Carretillas. Xa pola noite, ás 22.30 horas verbena e reparto de premios aos mellores disfraces.

O martes 13 de febreiro chegará o tradicional desfile de carrozas e comparsas pola Avenida Ordóñez, que cada ano reúne a centos de persoas. Ao remate do desfile, a organización repartirá sopa entre todos os asistentes, tanto participantes como público. Xa o mércores 14 chega o Enterro da Taíña, con pasarrúas e fogos artificiais.



X