A praza de abastos de Goián seguirá os pasos do mercado municipal do Seixo O goberno local investirá máis de 110.000 euros na reforma do edificio coa creación de catro postos permanentes. A obra estará finalizada en decembro.

Tomiño remodelará a praza  de abastos de Goián, seguindo a mesma filosofía da reforma do mercado municipal do Seixo. Así o decidiu por maioría a corporación en pleno hai uns días.

Como xa sucedera con este, o primeiro foi facer un estudo previo e plan de usos. Este paso implicou a consulta cos veciños e veciñas da parroquia, para garantir que o investimento respondera ás necesidades e desexos da poboación.

Nesta rolda de entrevistas e reunións, ocuparon un lugar destacado comerciantes e praceiros/as potenciais. Outro grupo ao que se prestou especial atención dende o Concello, foi ao dos emprendedores, xa que un dos obxectivos era determinar o número de postos necesarios e a variedade dos mesmos.

Deste xeito, tras o estudo, elaborouse un plan de usos e un proxecto para remodelar so a parte frontal do actual edificio, pechado dende hai tempo. A outra parte do local, dedicaríase tras a oportuna reforma, a outros usos, relacionados coa cultura e a cohesión social.

Así, o proxecto final do mercado de Goián, contempla crear catro postos de venda: unha carnicería, unha peixería, unha froitería e unha florería.

O importe total do investimento rolda os 110.000 euros, dos que 70.000 serán achegados pola Consellería de Industria, logo de que esta aprobara o proxecto dentro da convocatoria “Espazos de Emprendemento Comercial no Rural”. O Concello sufragará o resto con fondos propios.

A concesión desta axuda valórase moi positivamente dende o goberno local, xa que se concederon moi poucos proxectos en toda Galicia. A remodelación do mercado municipal situado no centro de Tomiño, xogou sen dúbida, un papel importante á hora de valorar o novo proxecto por parte da Xunta.

A reforma tentará aproveitar o edificio existente pero seguir ao mesmo tempo a líña estética do mercado municipal do Seixo, de modo que exista unha continuidade entre as dúas intervencións.

A previsión do goberno local é que as obras estean rematadas no mes de decembro, xusto para o Nadal. Paralelamente, levarase a cabo o proceso de información para a adxudicación dos postos ás persoas interesadas, a través de subasta pública.

Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, este novo proxecto, significa “a consolidación da aposta do goberno local polo comercio de proximidade, e a concepción dos mercados coma puntos de dinamización económica e social dos núcleos urbanos”. Outro dos obxectivos é conseguir facer do centro de Goián – a segunda parroquia máis poboada do municipio- un lugar de encontro e convivencia dos veciños e veciñas, seguindo a liña de humanización realizada no Seixo, arredor dos principais edificios do núcleo urbano.