A primeira etapa do “DepoDesafío2018” arranca este domingo dende o Espazo Fortaleza de Goián A proba que abrirá este programa deportivo da Deputación de Pontevedra consistirá nun medio maratón (21,097km) que unirá os concellos de Tomiño e da Guarda

Este domingo 22 de xullo arranca arranca en Tomiño o “DepoDesafío 2108”. Esta primeira actividade, que consistirá nun medio maratón, terá como punto de saída o Espazo Fortaleza de Goián e, tras pasar polo concello do Rosal, finalizará na alameda da Guarda, completando os últimos quilómetros aos pes do impoñente monte de Santa Trega. Nesta carreira a pé as e os participantes terán un percorrido pola senda do Miño, alternando zonas de camiños con outras de asfalto e con apenas desnivel acumulado. A proba sairá ás 10.30h e o prazo máximo para rematala será de 3 horas e 30 minutos. As e os participantes na carreira poderán retirar o seu dorsal, chip e mochila  o propio día da proba desde as 9.00 ata as 10.15 horas. Amais, a institución provincial, antes de saída, sorteará 2 voos a Valencia.

“DepoDesafío 2018” enmárcase no Plan Estratéxico de Deportes e consiste nun novidoso proxecto dirixido a persoas maiores de 18 anos no que se combinan probas deportivas como carreira, bicicleta e natación. Os principais obxectivos deste programa son popularizar estas probas deportivas, ao tempo que se dan a coñecer as extraordinarias vilas e paraxes por onde se desenvolven, así como promover e concienciar á poboación sobre a práctica do deporte popular no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable.

A seguinte proba do “DepoDesafío 2018” será unha travesía a nado de 1.200 metros entre o paseo marítimo do Grove e A Illa da Toxa. Para esta proba, e para todas as que compoñen este programa (trail polo concello da Cañiza, proba de BTT en Cerdedo-Cotabade e tríatlon en distancia sprint en Vigo), segue aberto na web da Deputación de Pontevedra o prazo de inscrición.

Por outra banda, en cada unha das cinco probas haberá un gañador e unha gañadora que obterán un trofeo. Sen embargo soamente gañarán o “DepoDesafío 2018” a muller e o home que finalicen ao menos 4 probas e consigan o maior número de puntos. Tanto a gañadora como o gañador recibirán un trofeo e un dorsal personalizado e intransferible para o maratón de Berlín, voo e aloxamento para el/ela e acompañantes.