A Ruta Artes e Oficios chega este xoves ao taller da recoñecida pintora Pilar Alonso O punto de encontro será o Torreiro de Festas do barrio de Hospital, ás 20.30 horas

A Ruta Artes e Oficios organizada polo Concello de Tomiño, dentro das actividades artísticas de verán da Aula Antonio Fernández, chega ao seu terceiro destino. Mañá xoves, 9 de agosto, terá lugar a visita ao estudo da recoñecida pintora Pilar Alonso.  (1)

Precedida polas dúas primeiras visitas levadas a cabo nas pasadas semanas (Lylilla Pobornikova-Nando Álvarez e Antúnez Pousa), esta terceira proposta chega co respaldo do interese espertado este ano e o anterior na poboación de Tomiño e arredores, así coma de persoas que pasan as súas vacacións na zona. Unha media de 15 persoas tiveron ás dúas primeiras saídas, o que constitúe un número moi bo, tendo en conta que se trata da visita a un estudo artístico.

O punto de encontro será o Torreiro de Festas do barrio de Hospital, ás 20.30 horas. O enlace para google maps é https://goo.gl/maps/474mrEgvpT12 e as coordenadas para GPS: 42.00699917 -8.73161933. A concelleira de Mocidade, Turismo e Patrimonio, Fátima Rodríguez, aconsella inscribirse previamente utilizando a seguinte ligazón da páxina web do Concello de Tomiño: https://tomino.gal/inscricion-de-actividades-de-arte-e-patrimonio/

(1)  Pilar Alonso, artista viguesa afincada en Tomiño, inicia a súa formación na facultade de Belas Artes de Sevilla, e despois de estar pensionada como pintora no Paular de Segovia cursa un posgrao grazas a unha bolsa da Fundación Barrié de la Maza na Städelschule de Frankfurt co artista Per Kirkeby.

Pilar Alonso traballa con diversos materiais a través dos que conta historias baseadas na súa experiencia vital con referencias ao mundo literario e cinematográfico, cunha base moi sólida no estudo da Historia da Arte. Algunhas das súas obras máis representativas son as series ‘La Diva’ ou ‘The Cabinet of Cándida Standwick’. En 2012 publica o seu primeiro libro de artista en torno a ‘La Diva’.

Tamén leva a cabo diferentes proxectos de escenografía e intervencións como The Secret Garden (2015) ou El Nautilus (2016), entre outros.

Ao largo da súa traxectoria expón en diferentes galerías e espazos de España e Alemaña como o Kunstraum Bethanien de Berlín, a Fundación Nova Caixa Galicia de Vigo, a Galería Benot de Cádiz, a Galería Barbara von Stechow de Frankfurt am Main , a Galería Ana Vilaseco de A Coruña, a Sala Rivadavia da Deputación de Cádiz, o Museo Cruz Herrera da Línea de la Concepción ou o Castelo de Santa Catalina en Cádiz, entre outros espazos.

A súa obra está representada en coleccións particulares e públicas, como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, a Fundación Nova Caixa Galicia ou a da Caja de Segovia.

www.pilaralonso.es