01 Xul 2017 A semana que ven comeza en Tomiño a 2º edición do “Verán cultural: O Son da Praza” Cine, música tradicional, pintura ou artesanía, a partir do vindeiro venres na Praza do Seixo.

O Concello de Tomiño albergará no núcleo urbano do Seixo actividades culturais de diferente índole ao longo dos meses de xullo e agosto. Así, tódolos venres de xullo os veciños e veciñas poderán desfrutar á noitiña da proxección de películas de animación ao aire libre, combinando deste xeito o lecer e a vida familiar agora que rematou o curso escolar. O “Cine na rúa”, que se celebra como anos anteriores nas prazas do Seixo e da Mina, é unha das actividades estrela desta programación, e cada ano acada un alto número de participantes, entre os que cabe destacar os máis pequenos e pequenas da familia.

O xa coñecido “Barrantes Folk” terá lugar por primeira vez no Seixo o sábado 15 de xullo e reunirá ás bandas de gaitas asturianas de Pola de Siero e El Gumial que, xunto coa banda de San Vicente de Barrantes, mostrarán ante os asistentes a riqueza musical do folclore e a tradición. Ademais, o día 22 do mesmo mes terá lugar outra agrupación musical ao abeiro do “XXIV Encontro dos Pobos”, na que participarán os grupos Harruckem, de Hungría; Do Lusco ó Fusco, da Guarda; e a Virxe do Alivio, de Tomiño.

O remate do mes de xullo virá da man da actuación do famoso e celebre grupo Treixadura, co seu concerto “Vendimia tarda”. O Concello de Tomiño fixo un importante esforzo xunto coa Deputación de Pontevedra para poder contar con esta coñecida agrupación galega. <<O que queremos é que a os veciños e veciñas se reúnan na súa praza, no seu Concello, e desfruten da cultura dunha forma gratuíta e pública>> declara Cristina Martínez, a Concelleira de Cultura do Concello de Tomiño.

O verán cultural que o Concello de Tomiño promove este ano continuará cun programa cargado de actividades tamén no mes de agosto. Venres 11 e sábado 12 os tomiñeses e tomiñesas do Concello desfrutarán dos concertos de “Blues do País” e “Acevedos Delgados” respectivamente. Para rematar o estío, o cuarto venres de agosto terá lugar o concerto “A outra margem do Miño” ofrecido pola Banda de Goián e Ana Lains, nunha fusión galaico-portuguesa moi atractiva, e o sábado 26 o grupo “Roots 4 Clarinets” pechará a programación de verán.

Complementando todas as actividades da programación do verán, levaranse a cabo no Mercado de Tomiño dúas exposicións relacionadas coa pintura e a escultura. A exposición de cerámica e artesanía “A terra transformada en arte” do 1 ao 15 de xullo, e a exposición das obras dos participantes no “V Certame de pintura Antonio Fernández” entre o 22 e o 31 de agosto.

Con esta programación Tomiño volve a apostar pola cultura para todos e todas, non como un privilexio senón como un dereito da cidadanía, fomentando ademais a posta en valor da música e cultura tradicionais e o intercambio e mestizaxe cultural con outras culturas como ferramenta de aprendizaxe e enriquecemento.



X