A vaga de incendios, eixo do pleno infantil para conmemorar o Día Universal da Infancia 140 nenos e nenas de sete centros escolares de Tomiño participaron nesta iniciativa organizada en colaboración con Unicef

Un ano máis, o Concello de Tomiño comprométese coa infancia. Para conmemorar o 20 de novembro, Día Universal dos Dereitos da Infancia, o concello acolleu un pleno infantil organizado en colaboración con Unicef para dar voz aos nenos e nenas sobre a realidade que os rodea e facilitarlles a súa participación activa na política local.

O salón de plenos do concello recibiu este luns a preto de 140 rapaces e rapazas de sete centros escolares de Tomiño que centraron os seus discursos e traballos no cambio climático e, como consecuencia, na vaga de lumes sufrida na provincia o pasado mes de outubro.

Durante hora e media, aproximadamente, alumnos e alumnas de cada centro público do municipio (Pedro Caselles, Sobrada, Tebra, Barrantes, Pintor Antonio Fernández, CRA Mestre Manuel Garcés e Antón Alonso Ríos) reflexionaron sobre consecuencias dos incendios sobre a contorna natural e propostas para o seu coidado, sobre as consecuencias do cambio climático na saúde dos nenos e nenas e sobre coidados da contorna que non se estean levando a cabo, así como sobre posibles accións de concienciación. Ademais, os participantes fixeron varias propostas de xogos para realizar en plena natureza.

Por outra banda, o CRA Mestre Manuel Garcés presentou un vídeo resumo sobre o proxecto realizado arredor da vaga de lumes, unha iniciativa que contou coa colaboración dos músicos Manu Chao e Ce Orquestra Pantasma. Con esta campaña ideada polos rapaces e rapazas búscase concienciar ao conxunto da poboación sobre a necesidade de coidar o pulmón do planeta, os bosques. Porque, como di a campaña, “cando un monte se queima, con el arde tamén un anaco de nos e as súas cinzas lévanse a vida, a beleza e a tradición”. Esta campaña trata de recoller imaxes das consecuencias dos incendios a través da páxina de Facebook do CRA Mestre Manuel Garcés ou do correo electrónico cra.tominho@edu.xunta.es.

O concello de Tomiño está traballando para acadar o recoñecemento por parte de Unicef de Cidade Amiga da Infancia, non só aplicando nas súas políticas, normas e programas os dereitos da infancia contidos na Convención dos dereitos dos nenos e nenas, senón tamén loitando por amplialos.



X