A Zona Franca interésase por coñecer o sector do agro do Baixo Miño e poder establecer accións conxuntas A directiva de AcuBam solicitou apoio para a execución de proxectos de internacionalización e emprendemento das empresas da zona

A delegada do Estado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, acompañada da directora de Promoción Económica, Rosa Equizábal, visitou este mediodía Tomiño, para entrevistarse coa alcaldesa Sandra González, e analizar posibles vías de colaboración entre ambas as entidades.

O concelleiro de Planificación Territorial, Facenda e Proxectos Estratéxicos, Uxío Benítez, acompañou á alcaldesa durante a xuntanza, na que estiveron ademais presentes,  membros de acuBam (Asociación de Cultivos do Baixo Miño). Logo dun encontro celebrado na alcaldía, a delegada e máis a directora de promoción económica, asistiron no salón de plenos, á presentación dun resumo do Plan Estratéxico dos viveiros do Baixo Miño, elaborado por acuBam con colaboración de Tomiño e outros concellos da comarca, e que aposta por investir en investigación aplicada, concienciación medio ambiental e nunha maior profesionalización do sector.

Tras a presentación, Teresa Pedrosa explicou aos viveiristas os campos de actuación nos que Zona Franca podería colaborar con eles, salientando varios, coma por exemplo, a elaboración de plans de internacionalización do sector do agro, con realización de obradoiros, cursos e experiencias máis importantes. Pedrosa ofreceu apoio tamén en temas de aranceis e posibilidade de utilizar instalacións de zona franca para accións puntuais, e por último, accións de formación para o emprendemento, innovación e transferencia de coñecementos, vencelladas a sectores particulares, quedando a disposición dos viveiristas para comezar a traballar en accións concretas.

A directiva de acuBam aceptou de moi bo grado as propostas da delegada, sinalando a necesidade de priorizar a redacción de proxectos máis urxentes para a mellora do sector do agro na comarca.

A alcaldesa, Sandra González, pola súa banda, explicou a Pedrosa que “o sector do agro e dos viveiros é un sector estratéxico na nosa economía, xa que crea moitos postos de traballo, a maioría ocupados por mulleres” e salientou a importante labor de modernización, divulgación, investigación e internacionalización que están realizando nos últimos anos.

Logo da reunión, realizouse unha visita a un viveiro e á principal comercializadora de plantas da zona, e finalmente ao Mercado Municipal.

A presenza de Zona Franca de hoxe é resultado da visita realizada pola alcaldesa a Pedrosa no mes de decembro, acompañada por Uxío Benítez, e na que González amosou o interese de que o Consorcio traballe de forma conxunta co Concello en determinadas iniciativas.

 

Datos de interese:

O xerente da comercializadora Coplant, Emilio Estévez, achegou á delegada da Zona Franca

datos de interese sobre o sector na comarca, cunha idade media de 45 anos, pequenas e medianas empresas, moitas delas asociadas nunha comercializadora que vende plantas (na súa maioría, ornamental) a un bo número de países europeos, coma Francia (21%), Holanda, Bélxica, Italia e Portugal (10%); España centro (19%), Cataluña e País Vasco (10%); Reino Unido (8%), etc. En Galicia véndese tamén unha boa porcentaxe da produción (11%). “Na actualidade existe un tecido auténtico de empresas adicadas ao sector da planta e auxiliares”, asegurou o xerente de Coplant, quen a título de exemplo comentou que na última semana e a pesar do mal tempo, habían saído 12 trailers da comercializadora.

 

 



X