Aberto ata o día 14 de abril o prazo de solicitude das axudas para entidades culturais, socias e deportivas sen ánimo de lucro

Tomiño imparte un curso para ensinar ás asociacións como tramitar subvencións

As bases para as subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades culturais, deportivas e sociais, e tamén subvencións municipais a deportistas individuais, foron publicadas o 14 de marzo no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto no Concello de Tomiño durante 30 días despois da súa publicación, rematando o día 14 de abril.

As subvencións destinadas a entidades culturais, sociais e deportivas, teñen como finalidade apoiar e promover todas aquelas actividades que repercutan no desenvolvemento do municipio e que contribúan ao fomento dos intereses dos veciños e veciñas do municipio e en especial a promoción e a recuperación da cultura e tradicións locais; participación cidadá e fomento do deporte.

Dentro da oferta formativa do Concello de Tomiño, este ano impartirase xustamente un curso para informar ás asociacións sobre cómo tramitar estas axudas. Hai dúas datas para realiza reste Curso Básico de Xestión Económica para Asociacións, de 8 horas de duración: 29 e 30 de marzo e 5 de abril pola mañá, e 2 e 3 de abril (sábado todo o día e domingo pola mañá).

A organización do curso xurdiu dunha proposta das propias asociacións, que manifestaron a dificultade coas que se atopan na xestión económica das entidades.