Aberto o prazo de inscrición para presentar as carrozas para Cabalgata de Reis de Tomiño O tradicional alumeado de Nadal acenderase o vindeiro 7 de novembro

O Concello de Tomiño vén de publicar as bases que regulan a inscrición das entidades e asociacións sen ánimo de lucro na tradicional Cabalgata de Reis, presentando algunha das carrozas que desfilarán polas rúas do municipio o vindeiro 5 de xaneiro.

Todas as entidades interesadas en participar deberán presentar ata o 5 de decembro na oficina do Rexistro Municipal un impreso de solicitude acompañado cunha descrición e deseño da carroza, o seguro de responsabilidade civil, o CIF da entidade e o certificado de titularidade da conta da asociación.

As carrozas deberán facer referencia aos Reis Magos, os carteiros reais ou aos paxes. Soamente se admitirán un máximo de catro carrozas de todas as presentadas no Rexistro, polo que a Comisión Técnica de Cultura terá en conta o deseño e o proxecto das carrozas e que as entidades e asociacións sexan municipais á hora de valorar as candidaturas. Cada unha das carrozas elixidas recibirá unha compensación económica de 600 euros, 200 euros no caso de que a cabalgata teña que suspenderse.

A cabalgata sairá ás 16.30 horas dende O Alivio para realizar o seu percorrido habitual. En caso de choiva, a Concellería de Cultura e Servizos Sociais valorará se se suspende ou se traslada para o día seguinte á mesma hora.

Por outra banda, o alumeado de Nadal ten previsto acenderse este ano unha semana antes do que ven sendo habitual. O vindeiro 7 de decembro as luces e elementos decorativos estarán en funcionamento tanto para o desfrute dunha época importante do ano por parte dos máis pequenos como para facer de elemento dinamizador da actividade ligada ao comercio local.