ACUBAM APOSTA POLA COMUNICACIÓN DIXITAL DAS EMPRESA DO RURAL, COMO ESTRATEXIA DE DIFERENCIACIÓN E COMPETIVIDADE EMPRESARIAL As xornadas, celebradas no salón de plenos do Concello, estiveron presididas pola alcaldesa de Tomiño e a presidenta da Deputación

acuBam (Asociación de Cultivos Baixo Miño) celebrou onte as xornadas “A importancia da comunicación dixital na estratexia comercial das empresas”, organizadas en colaboración con ABANCA, VEMARGALICIA, Concello de Tomiño e Deputación de Pontevedra. O evento, no que tamén foi presentada a nova páxina web da asociación, contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e da alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A xornada arrancou coa benvida por parte da alcaldesa, quen reiterou o seu apoio incondicional ao sector do agro da comarca, e salientando a importancia do traballo conxunto das empresas asociadas a acuBam, e felicitando á asociación pola súa evolución permanente.

Carmela Silva, pola súa banda, animou ás empresas do sector a adentrarse no mundo dixital e suliñou a importancia de posicionarse sen medo nos medios online. Asimesmo salientou e felicitou ás empresas que forman acuBam, pola colaboración que realizan de xeito conxunto, acadando así mellores resultados para o sector.

Estiveron presentes tamén a alcaldesa do Rosal, Mª Carmen Alonso, e representantes de ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño), e do IGAPE.

A xunta directiva de acuBam aproveitou o evento para presentar a nova web (http://acubam.org/), explicando as principais melloras da plataforma e as facilidades para os asociados, en relación ao acceso á documentación e a información relevante para o sector. Ademais, esta nova plataforma permite acceder ás páxinas webs individuais de cada empresa asociada, mellorando o posicionamento, tanto da web da asociación, como a dos seus asociados.

Seguidamente, Chío Infante, de Venditos-Axencia Creativa, ofreceu unha sesión práctica na que falou da creatividade como factor diferencial nas estratexias de comunicación das empresas.

Ademais, dende a Deputación de Pontevedra, contouse coa participación de Esther Garciñuno, asesora TIC do Programa SmartPeme, quen abordou a súa ponencia desde a prisma da era dixital e das ferramentas TIC que están ao alcance das empresas, para potenciar a efectividade dos seus procesos de comunicación.

Finalmente, a xornada rematouse cunha mesa redonda, aberta a todas as persoas asistentes, que puideron interactuar cos convidados: Rita Álvarez, da Floristería Las Flores de Rita, e Jose Collazo, de Viveiros Río Tollo; empresas situadas na Comarca do Baixo Miño, e que tentaron transmitir a súa experiencia no deseño e posta en marcha dun plan de comunicación dixital, amosando os beneficios e retornos que a execución deste plan está a reportar en termos económicos nas súas empresas.

A xornada pechouse cun viño no Mercado de Tomiño, onde os asistentes puideron compartir opinións nun espazo máis distendido e aberto.