ADRIAN MILLAN FIGUEROA, ARQUEIRO TOMIÑÉS CON AUTISMO, AMOSA QUE ESTE NON É IMPEDIMENTO PARA A REALIZACIÓN PERSOAL Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño, o concelleiro Ismael Troncoso quere facer chegar os seus parabéns a Adrián, polos seus logros e tamén polo seu esforzo e afán de superación

Adrián Millán Figueroa é un mozo tomiñés, con autismo, que dende hai un par de anos compite a nivel galego na modalidade deportiva de tiro ao arco Sub/14, cos mellores resultados.

No que vai de ano resultou xa 1º clasificado en As Somozas (A Coruña) no CAMPIONATO GALEGO DE SALA; 1º clasificado en Valadouro (Lugo) no TROFEO FEDERACION XUNTA DE GALICIA, ao aire libre; 1º clasificado en SILLEDA, na categoría BOSQUE 3D; e 1º clasificado en A Devesa (Pontevedra), no CAMPIONATO GALEGO AO AIRE LIBRE.

Nesta proba, tírase a unha diana de 40 x 40 cm. en dúas quendas; unha de 10 entradas a 3 flechas por entrada (30 flechas), e 30 metros., e outras 10 entradas de 3 flechas a 18 metros.

Adrián tamén participa nunha categoría moi especial, BOSQUE 3D, na que o branco é un “animal” de gomaespuma.

Estes logros veñen a sumarse aos dos ano pasado, que foron moitos tamén (1º clasificado en Pontevedra CAMPIONATO GALEGO AO AIRE LIBRE; 3º clasificado en Redondela-Sotomaior, 3º clasificado en Riveira organizada por Arqueiros do Barbanza; 3º clasificado en Reboreda . Redondela; 4º clasificado en Vincios organizada por Serra de Gondomar; 4º clasificado en Oza- Cesuras organizada por Arco da Vella, e 6º clasificado en Mazaido-Bens (A Coruña) organizada por ARCO HERCULES).

Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño, o concelleiro Ismael Troncoso quere facer chegar os seus parabéns a Adrián, polos seus logros e tamén e sobre todo, polo seu esforzo e o seu constante afán de superación, que lle permiten estar hoxe entre os primeiros arqueiros galegos da súa categoría, amosando que o autismo non é impedimento para a realización persoal e profesional.