Aínda quedan prazas vacantes para participar nos contacontos e obradoiros de Nadal Os interesados poden inscribirse a través da páxina web do Concello de Tomiño ou no departamento de Cultura

O Nadal está a volta da esquina e Tomiño comeza a preparar todo para que os máis pequenos e pequenas da casa poidan gozar de tempo de lecer, sos ou acompañados das súas familias. Tras o arranque do programa de Nadal co tradicional concerto da Agrupación Musical de Goián este pasado domingo, as actividades retomaranse o vindeiro 26 de decembro co inicio de contacontos para nenos e nenas e de obradoiros para todas as idades no Mercado de Tomiño.

Para o público máis infantil, nenos e nenas de 4 a 10 anos, haberá na praza de abastos da Praza do Seixo a partir das 17.00 horas contacontos e obradoiros que se centrarán no ‘Reno Renato e outros contiños’ o día 26, en ‘O homiño de mazapán e outras historias para merendar’ o día 27 e no ‘Tren de Martiño e outros contos no camiño’ o día 28.

O día 29 de decembro o Mercado de Tomiño acollerá durante toda a xornada talleres para todas as idades. Así, pola mañá, ás 11.00 horas haberá un obradoiro sobre xoguetes e consumo responsable para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos e ás 12.00 horas os nenos e nenas de 3 a 7 anos traballarán a igualdade a través da publicidade. Xa na quenda de tarde, os mozos e mozas de 13 a 17 anos profundarán sobre o consumo na rede (18.00 horas) e os maiores aprenderán sobre alimentación e interpretación de etiquetado a partir das 19.00 horas.

Aínda quedan prazas dispoñibles, pero todas aquelas persoas interesadas en participar nos contacontos ou nos obradoiros de Nadal terán que inscribirse a través da páxina web municipal facendo click no seguinte enlace para anotarse nos talleres e contacontos e no seguinte para o obradoiro de alimentación e interpretación do etiquetado. Tamén poden inscribirse no departamento de Cultura do Concello de Tomiño.

Máis actividades

O Apalpador chegará ao Mercado de Tomiño o vindeiro 30 de decembro ás 12.00 horas.  E, pola tarde (17.00 horas), o Mago de Oz encherá de maxia o auditorio de Goián co seu musical infantil. A este espectáculo os nenos e nenas poderán asistir de balde, mentres que os adultos terán que pagar unha entrada de 3 euros.

A Praza do Seixo encherase de maxia e cor os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa colocación de inchables para o disfrute dos máis pequenos e pequenas da casa e cos obradoiros que se celebrarán de 16.00 a 20.00 horas.

A Cabalgata de Rei será o venres 5 con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e o seu tradicional percorrido ata a Praza do Seixo, onde os nenos e nenas de Tomiño serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos e onde haberá sorteo de varios agasallos.



X