Alcaldes galegos e portugueses do tramo final do Miño, desprazáronse ata Verín para coñecer a experiencia da AECT Verín-Chaves

A nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Miño, formada pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho para desenvolver proxectos no territorio da fronteira do Miño, xa está a traballar a pesares de non estar aínda aprobada formalmente. No día de onte, representantes de ambas administracións, xunto con alcaldes galegos e portugueses da raia, desprazáronse ata Verín para coñecer de primeira man a experiencia da AECT Verín-Chaves.
Esta iniciativa, organizada polo deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, tivo como obxectivo aproveitar o coñecemento da agrupación galego portuguesa da raia seca, que xa leva constituída varios anos e que ten levado adiante proxectos europeos. “Queriamos coñecer unha experiencia real, aproveitar as sinerxias e o coñecemento dunha AECT que xa funciona e aplicar ese ‘saber facer’. Nós estamos en proceso de constitución e podemos aprender moito dos problemas que salvar e de como debemos traballar”, subliñou o nacionalista.

O deputado Uxío Benítez explicou que a nova AECT Río Miño, ten intención de ser unha entidade con personalidade xurídica para xestionar fondos europeos, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño, no que a día de hoxe están implicadas moitas administracións. “Moitos organismos interveñen e toman decisións sobre o noso territorio -Augas de Galiza, Comandancia de Marina, Costas…-. Este novo organismo poderá coordinar, a través dunha estrutura con poder para actuar, aquelas actuacións de interese para Miño. Queremos unir os dous lados administrativos desa fronteira artificial que nos separa e que en total abrangue 3.312 quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes”, subliñou.

A día de hoxe, a AECT Río Miño está á espera da súa aprobación oficial en Madrid, que deberá chegar nas vindeiras semanas logo de terse presentado a mediados de 2016.

Benítez indicou que “os fondos transfronteirizos da UE son os únicos que medraron nos últimos anos e é necesario aproveitar esa posibilidade para sacar adiante proxectos interesantes que precisan os concellos”. Nestes momentos, de feito, a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho (que reúnen 16 concellos pontevedreses -A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo- e outros dez do Norte de Portugal) están tamén á espera da resolución das candidaturas presentadas ao programa Interreg para desenvolver turisticamente o territorio do Miño. A financiación europea para esas actuación podería alcanzar os cinco millóns de euros no caso de aprobarse na súa totalidade.

O traballo sobre cooperación transfronteiriza da Deputación non quedará no encontro de hoxe coa AECT Verín Chaves. Uxío Benitez explicou que o vindeiro 21 de abril a institución provincial, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, celebrará as xornadas ‘A nova AECT Río Miño desde unha visión comparada: A raia e Europa’, que se celebrarán en Tomiño coa participación de moitas máis AECT, tanto estatais, como europeas. O fin deste novo evento será “intercambiar moitas mais experiencias e facer alianzas para ter peso en Europa”.

O encontro de onte cos membros da AECT Verín-Chaves realizouse na sede da agrupación: o antigo edificio da alfándega a cen metros da fronteira. Alí estiveron Uxío Benitez, deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza; Sandra González, alcaldesa de Tomiño; Xose Manuel Rodríguez Méndez, alcalde de As Neves; Miguel Capón, concelleiro de Tui; Manoel Batista, presidente da Câmara Municipal de Melgaço e presidente da Uniminho; Fernando Nogueira, presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira; Paulo Esteves, Vereador da Câmara Municipal de Monção; Tiago Cunha, vicepresidente Câmara municipal de Paredes de Coura; António Pereira Torres, secretario técnico conxunto de Uniminho; Marcós Areán, técnico de Cooperación da Deputación, así como outros técnicos e aserores.