14 Nov 2016 ‘Antón Alonso Ríos’, nome escollido por votación popular para o instituto de Tomiño

Éxito de participación para bautizar o centro con 2818 votos emitidos

 

Antón Alonso Ríos foi o nome máis votado para bautizar ao IES de Tomiño, que pasará a chamarse IES Antón Alonso Ríos, logo dos resultados escrutados hoxe e previa ratificación do Consello Escolar.

A elección de Antón Alonso Ríos foi apoiada por un total de 1026 votos, o 36% do total de votos emitidos. A participación na votación foi de 2.818 votos.

A defensora das mulleres e dos movementos do campesiñado Isaura Gómez, foi o segundo nome máis votado, con 967 votos (34%). A terceira candidatura, o mantemento da súa actual denominación IES de Tomiño, foi votada por 825 persoas (29%). Isaura Gomez

O Concello de Tomiño puxo en marcha un proceso pioneiro en Galicia para a proposta e elección participativa de un nome para o instituto de educación secundaria do municipio. O proceso comezou en outubro coa recepción de propostas de tódolos cidadáns, que foron seleccionadas por un comité de expertos. En total recibíronse 51 propostas de nomes diferentes, das que o comité seleccionou 5 e o consello escolar do instituto decidiu os tres nomes finalistas que se someteron a votación. Candidaturas nome Tomiño

A votación celebrouse durante 12 días (2-13 de novembro), en urnas situadas no instituto e na casa consistorial de Tomiño e tamén a través dun procedemento de votación on line.

Hoxe ás 12.00 horas procedeuse a apertura das urnas no Concello e ao proceso de reconto. Os resultados serán notificados ao consello escolar do IES de Tomiño que, unha vez aprobado, presentará unha solicitude formal de cambio de nome á Consellería de Educación.

Antón Alonso Ríos (Silleda 1887 – Bos Aires 1980) foi un mestre e pedagogo intimamente ligado a Tomiño, especialmente na etapa da II República. En Tomiño dirixiu a escola Aurora del Porvenir, onde desenvolveu un modelo educativo innovador. O franquismo obrigouno a emigrar a América. Participou na fundación do Consello de Galicia en Montevideo, que presidiu logo da morte de Castelao, ata 1950.

O instituto de Tomiño conta con 600 alumnos. O proceso participativo para escoller o novo nome do instituto de Tomiño é unha iniciativa pioneira, incluída no programa Educación da boa, posto en marcha no curso pasado polo Concello de Tomiño , coa finalidade de promocionar o instituto e un ensino público de calidade.

A alcaldesa explicou que a intención do equipo de goberno é lograr un maior vencellamento entre o instituto e os veciños e veciñas. “Por esta razón comezamos pola escolla do nome; queremos que os cidadáns participen máis na actividade e na mellora do IES, e que o IES se abra cada vez máis á sociedade. Cremos que é fundamental ter, mais tamén valorar unha educación pública de calidade”, salientou Sandra González.

O programa Educación da boa inclúe, ademais do bautizo, unha análise das preferencias da comunidade escolar a través dunha enquisa, un programa de conferencias de orientación profesional para os alumnos do instituto e un plan comunicación e divulgación en redes sociais sobre as actividades do centro educativo.

 

 



X