05 Xul 2014 Antonio Fernández ten Aula-Museo no seu pobo natal de Goián (Tomiño)

A instalación foi inaugurada onte nun acto no que se deron cita autoridades municipais, familiares, artistas, amigos e veciños do pintor desaparecido.

Goián inaugurou onte a Aula-Museo Antonio Fernández, coma colofón das actividades de recoñecemento ao artista e filántropo goianés, organizadas polo Concello de Tomiño coa colaboración da Comisión Antonio Fernández.

A nova aula-museo, que reúne numerosos obxectos e documentos persoais do pintor xa desaparecido, así coma tamén algunha das súas obras, sitúase dentro do edificio das vellas escolas de Goián, construídas nos terreos doados polo artista para ese fin.

Ao acto de inauguración, celebrado onte ás 21.00 horas, asistiron a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o concelleiro de Patrimonio e veciño da parroquia, Uxío Benítez, membros da comisión Antonio Fernández e da Fundación Xavier Pousa; a directora do Ceip de Goián, Mirta Misa, José Manuel Villa “Mané” (veciños de Goián e propietario de moitos dos obxectos cedidos para a exposición); Carlos Bernárdez (crítico de arte e comisario da exposición de Antonio Fernández realizada no Centro Goianés con grande éxito); numerosos artistas locais, antigos amigos, familiares e veciños/as do artista homenaxeado.

O acto contou coa actuación dun grupo de profesores da Agrupación Musical de Goián, que interpretaron varios temas.

Discurso Mané 2_1024x768 Discurso alcaldesa 2 detrás Uxío e Mané_1024x768

DECLARACIÓNS

Na primeira das intervencións, Uxío Benítez, salientou a calidade humana de Antonio Fernández, a cal traspasou amplamente a súa faceta artística. “Antonio Fernández foi ese veciño noso que espallou Goián e a súa arte polo mundo, pero foi tamén esa persoa humilde, xenerosa e bo goianés” . O edil agradeceu o traballo de todos os que fixeron posible a creación do museo co seu traballo e dedicación.

Seguidamente, falou Mirta Misa, directora do Ceip de Goián, que relatou a historia das escolas, lembrando que o edificio, construído nun terreo doado polo pintor, sempre estivo en funcionamento (e continúa), chegando a albergar, incluso, o primeiro instituto de ensino secundario de Tomiño. Agradeceu a implicación do Concello e demais colaboradores, salientando o feito de que “grazas a esta aula-museo, imos ter outras dúas aulas acondicionadas para os nosos nenos e nenas”.

A continuación, falou “Mané”, dono dos obxectos (xunto a Leandro Alonso e Fundación Xavier Pousa) que forman parte do material exposto na aula-museo. Mané fixo un discurso emocionado, lembrando o seu compromiso de contribuir á difusión da obra de Antonio Fernández, co escritor goianés Eliseo Alonso, tamén desaparecido.

Pechou q quenda de intervencións, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, para agradecer o traballo feito pola Fundación Pousa, a Comisión Antonio Fernández, o concelleiro Benítez, traballadores municipais, veciños e voluntarios. “Hoxe, nun acto de xustiza histórica, devolvemos un anaquiño do que fixo por Goián e Tomiño Antonio Fernández; el entendeu que a educación é a chave para abrir a porta do futuro”, salientou a rexedora.

AULA MUSEO

A nova instalación, deseñada polo arquitecto Xavier Pousa (fillo do artista do mesmo nome, que fora discípulo do mestre goianés) coa colaboración de Lara Leal, sitúase na planta baixa do edificio, na ala dereita do mesmo, e consta dunha sala principal, na que se poden atopar documentos, bosquexos, debuxos e obxectos do pintor Antonio Fernández.

A obra de remodelación incluíu a reparación do tellado e o acondicionamento de dúas estancias do edificio (quedando pendente o arranxo doutras dúas aulas), construción dunha rampla de acceso, etc.

Entre os documentos, poden verse o pasaporte do artista, o seu testamento, cartas e fotografías. Entre os obxectos persoais de Antonio Fernández, que viviu dun xeito modesto e austero, o visitante pode contemplar o bastón de madeira que usaba o autor na súa vellez, a funda das gafas , cámaras fotográficas que utilizaba nas súas saídas ao campo e relevamentos topográficos, decorados de teatro pintados con óleo, etc.

Nunha sala pequena contigua, o museo recrea o estudo do pintor goianés, co seu cabalete, paletas e maletín.

Completan a instalación un busto en pedra de Antonio Fernández, obra de Xoán Piñeiro, que preside a entrada, e un equipo multimedia, con pantalla táctil, onde pode consultarse en detalle cada unha das obras e documentos expostos, así coma outros datos biográficos do pintor.

A Aula Museo permanecerá aberta toda a fin de semana, con ocasión das festas da parroquia, no seguinte horario: sábado 5 de xullo: de 19.00 a 24.00 hs., e domingo 6: de 12.00 a 14.00 hs., e de 19.00 a 21.00 hs.

Asemade, contémplase a idea de abrir a aula durante o verán e organizar visitas guiadas de estudantes no vindeiro curso escolar.

[justified_image_grid]

 



X