As antigas xeracións de panadeiros e panadeiras de Tomiño, todas reunidas por primeira vez Organizaron unha comida este domingo 11 na que participaron 25 profesionais xa retirados de todos os establecementos do municipio

Falar dos vellos tempos e tamén dos novos pero, sobre todo, verse e compartir un rato xuntos. Con este obxectivo este domingo 11 de marzo celebrouse en Tomiño o primeiro encontro de panadeiros e panadeiras e pasteleiros e pasteleiras de toda a localidade, no que participaron as primeiras xeracións de traballadores e traballadoras de todos os obradoiros do municipio, a maioría deles e delas agora xa xubilados.

Arredor de 25 persoas de entre 60 e 80 aos déronse cita no Candil de Tomiño para comer xuntos, recordar “anécdotas vellos e rememorar como funcionaba todo antes, hai anos, cando todo se facía a man”, conta Marcos Castro, terceira xeración de panadeiros de Camiño Novo e organizador desta xuntanza. A idea era “xuntalos porque algúns fai moitos anos que no se ven” e que pasaran un anaco entretido xuntos.

Aínda que moitos deles xa non están a traballar si que viviron de primeira man a evolución no funcionamento da panadaría e da pastelaría, onde pasaron de facer todo a man a utilizar máquinas ou de repartir o pan polas casas en burro a empregar coches e furgonetas, que fan o traballo máis rápido e cómodo. “Moitos deles viviron épocas duras, como a de posguerra, e aínda que tiñas un negocio daquela non sempre pagaban con cartos, as veces o cobro era en fariña que logo ti empregabas para facer máis pan”, explica Castro.



X